
O BNG elevou o ton contra a política sanitaria da Xunta en relación co concerto con Povisa. A deputada Montse Prado asegurou hoxe que o Goberno galego incrementou de forma continuada os fondos destinados ao hospital privado sen que iso se traducise nunha mellora da asistencia. Pola contra, sostivo que «cantos máis cartos se lles dá, peor é a atención».
Durante a súa intervención, Prado afirmou que a Xunta destina arredor de 100 millóns de euros anuais a Povisa, unha cifra que, segundo indicou, representa máis do 80% do orzamento do centro e que aumentou un 20% desde 2019.
Pardo sostén que este incremento do financiamento foi acompañado dunha «deterioración marcada e acelerada» da asistencia sanitaria. Como exemplo, sinalou que Povisa acumula unha lista de espera cirúrxica de 2.739 pacientes para unha poboación de referencia dunhas 100.000 persoas. Ao seu xuízo, se esa proporción se extrapolase ao conxunto da área sanitaria de Vigo, a lista superaría os 13.000 pacientes, unha cifra que, segundo indicou, estaría moi por riba da rexistrada actualmente na sanidade pública.
Críticas ás intervencións con profesionais desprazados
Montse Prado tamén cuestionou o modelo asistencial do hospital privado, denunciando que se están a realizar intervencións cirúrxicas con profesionais desprazados desde outras comunidades autónomas.
Segundo explicou, trátase de especialistas que viaxan desde cidades como Madrid ou Valencia para operar durante a fin de semana e regresar posteriormente aos seus lugares de orixe. A deputada criticou que estes médicos «interveñen doentes que non coñecen, que non trataron e que logo non van volver ver», unha situación que, ao seu entender, xera preocupación sobre a continuidade asistencial e sobre un suposto incremento das reintervencións.
Reclama unha auditoría das contas de Povisa
A parlamentaria nacionalista acusou ademais á Xunta de manter unha falta de transparencia sobre o concerto sanitario con Povisa. Neste sentido, censurou que o Goberno galego rexeite facer pública a información relativa ao contrato e se opoña á realización dunha auditoría.
Prado reclamou que o Executivo remita ao Parlamento a documentación do concerto e respaldou a proposta do BNG para que o Consello de Contas fiscalice as contas do hospital co obxectivo de coñecer con detalle o destino dos fondos públicos.
Máis de 8.000 solicitudes para pasar á sanidade pública
Na parte final da súa intervención, a deputada advertiu dunha «fuga constante e permanente» de pacientes desde Povisa cara ao sistema público. Segundo os datos achegados polo BNG, máis de 8.000 persoas solicitaron o cambio de adscrición durante o último período habilitado para facelo.
Ante esta situación, preguntou á Xunta cal é o seu plan para asumir esa demanda e criticou que non se reforcen os recursos da sanidade pública, especialmente no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde asegurou que o servizo de Urxencias chega a atender máis de 600 pacientes diarios e que se están a producir suspensións de actividade cirúrxica.
OuTrAs NoVAs
- O BNG denuncia que Povisa recibe 100 millóns da Xunta, mentres medran as esperas e os pacientes marchan
- El embalse de Eiras cae a su segundo peor nivel histórico y se ratifican las medidas de ahorro de agua
- Una expedición científica iniciada en Vigo estudia el impacto de los microplásticos, antibióticos y residuos farmacéuticos en el océano
- Once agentes de la Unidad de Caballería de la Policía Nacional reforzarán la seguridad este verano en la provincia de Pontevedra
- Muere Bonnie Tyler a los 75 años, la inconfundible voz de «Total Eclipse of the Heart»





