
Vigo, A. Buendia/ O alumnado e a comunidade educativa do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo) mobilizaranse o vindeiro martes 14 de xullo para reclamar á Xunta de Galicia que dea marcha atrás na modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha decisión que, segundo denuncian, podería reducir á metade o horario de apertura do centro.
A protesta arrancará ás 11.00 horas con varias concentracións artísticas simultáneas na rúa do Príncipe. Os participantes acudirán cos seus instrumentos e interpretarán distintas pezas musicais nun acto simbólico co que queren transmitir unha mensaxe clara: se non poden estudar no conservatorio, farano na rúa.
A continuación, ás 12.15 horas, celebrarase unha batucada na Farola de Urzaiz e, quince minutos despois, ás 12:30h. os asistentes iniciarán un pasarrúas ata a Praza da Estrela, onde rematará a mobilización diante da Delegación Territorial da Xunta en Vigo coa lectura dun manifesto.
A convocatoria conta co apoio de organizacións estudantís como Erguer e Fervenza Estudiantil, así como dos sindicatos CCOO e CIG.
Denuncian que o conservatorio podería abrir só sete horas ao día
Segundo explica a comunidade educativa, a última modificación da RPT, publicada o pasado 3 de xuño, supón a amortización de dúas prazas de persoal de administración e servizos (PAS), unha medida que, ao seu xuízo, terá un forte impacto no funcionamento do centro.
Advirten de que esta decisión podería reducir o horario de apertura das actuais 14 horas diarias a só sete, limitando gravemente o acceso ás instalacións por parte do alumnado.
Os estudantes lembran que moitos deles necesitan utilizar diariamente as aulas para preparar as súas clases e ensaios, especialmente especialidades como piano ou percusión, que requiren instrumentos imposibles de trasladar aos domicilios.
Ademais, alertan de que esta situación tamén podería afectar á programación cultural do conservatorio, incluíndo iniciativas como o Festival Nas Ondas, impulsado desde o propio centro.
Piden diálogo coa Xunta
A comunidade educativa critica tamén a falta de diálogo coa Administración autonómica. Segundo sinalan, solicitaron unha reunión coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, pero aseguran que esa petición foi rexeitada.
Ao seu entender, esta decisión evidencia a falta de atención ás demandas do único centro público de ensinanzas artísticas superiores do sur de Galicia e pon de manifesto o desequilibrio territorial existente entre o norte e o sur da comunidade en materia educativa e cultural.
Así mesmo, denuncian que a Xunta continúa sen definir con claridade o encaixe institucional do Conservatorio Superior de Música de Vigo, sen concretar se debe ser considerado un centro de ensinanzas secundarias, superiores ou cun réxime específico, unha indefinición que, afirman, repercute directamente na planificación do persoal e dos recursos necesarios para garantir o seu funcionamento.
Recollida de sinaturas
Paralelamente á mobilización, a comunidade educativa puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org co obxectivo de solicitar á Xunta a revisión inmediata da modificación da RPT.
O alumnado reclama a recuperación das prazas suprimidas, a apertura dun proceso de diálogo coa comunidade educativa e a adopción das medidas necesarias para garantir o funcionamento normal do Conservatorio Superior de Música de Vigo, unha institución que consideran fundamental para a formación musical e a vida cultural do sur de Galicia.
OUTRAS NOVAS
- Os madrileños que visiten Galicia non poderán beneficiarse dos descontos no transporte público
- Vitrasa reorganiza el transporte para la gran noche de Vigo: refuerzos por la final del Mundial y los Fuegos de Bouzas
- La Diputación insta al Concello a una solución para mantener los 2,58 millones de Finca Matías
- Robó un bar en O Porriño y cayó minutos después con la caja registradora entre las manos
- Los músicos de Vigo protestarán en Castrelos antes del concierto de Molotov: «La música local se apaga»





