
O primeiro Foro de Emprego e Desenvolvemento Profesional O Porriño Conecta Talento pechou a súa estrea cun balance moi positivo tras converter o Polideportivo Municipal nun punto de encontro entre talento, empresas e oportunidades laborais. A elevada participación durante toda a xornada deixou a imaxe dun recinto ateigado de estudantes, profesionais e persoas desempregadas interesadas en abrir novas portas ao seu futuro laboral.
O evento, que superou as previsións iniciais da organización, destacou especialmente polo espazo Talent Hub, onde se produciron centos de contactos profesionais, entrevistas rápidas e encontros directos entre candidatos e responsables de recursos humanos de compañías de diferentes sectores.


Conferencias: do profesor Dosil, pasando por Pedro Rodríguez, ata Emilio Duró
A xornada contou ademais cun amplo programa de conferencias que buscou ofrecer ferramentas e inspiración aos asistentes. O profesor da Universidade de Vigo Joaquín Dosil incidiu na importancia das chamadas competencias transversais, como a capacidade para traballar en equipo, a resiliencia ou as habilidades sociais á hora de afrontar unha entrevista laboral.
Na sesión de tarde, Pedro Rodríguez puxo o foco na actitude durante a procura de emprego, defendendo que a acción e a iniciativa son elementos determinantes para atopar oportunidades profesionais.
Un dos momentos máis esperados chegou coa intervención de Emilio Duró, que conseguiu mobilizar un pavillón cheo cun discurso centrado na motivación, a actitude e a capacidade para afrontar os medos. A súa conferencia, traducida á linguaxe de signos, deixou algunhas mensaxes que conectaron co público, centradas no papel da ilusión e da perseveranza na vida profesional.

Talent Pitch
O foro tamén incluíu actividades como o Talent Pitch, no que varios candidatos tiveron dous minutos para presentar o seu perfil profesional, ademais de mesas de debate sobre as necesidades reais das empresas e a evolución do mercado laboral actual.
Entre as ofertas presentes destacaron postos relacionados coa industria, automoción, robótica, mantemento, loxística e tecnoloxía, pero tamén vacantes vinculadas ao sector servizos, atención social, educación ou oficios tradicionais como albanelería, carpintería e fontanería.
No acto de clausura participou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez. O rexedor destacou a importancia de iniciativas deste tipo para fortalecer o tecido empresarial e impulsar novas oportunidades laborais no municipio.
Coa resposta rexistrada nesta primeira edición, O Porriño Conecta Talento deixa xa unha mensaxe clara: existe demanda, hai empresas buscando profesionais e tamén moitas persoas dispostas a atopar unha oportunidade.
Outras novas
- O Porriño enche o pavillón no seu primeiro foro de emprego, con centos de encontros laborais
- Ponemos rumbo al calor
- Esta tienda del Centro Comercial A Laxe cierra y lanza una liquidación total en Vigo
- Detenido tras matar a su pareja en plena calle, en Figueres
- Vigo tendrá una nueva área de cirugía maxilofacial, en el Meixoeiro





