Destacados Vigo al minuto

Vigo estrea os premios Antiviguesas Distinguidas para dar visibilidade a colectivos sociais, veciñais e ecoloxistas

Amigas das Árbores, Beiramar da Xente e As Ninguéns, premiados nesta primeira edición

Nun ateigado Café Uf celebrouse este xoves en Vigo a primeira gala dos premios Antiviguesas Distinguidas, unha iniciativa promovida por colectivos sociais, veciñais e ecoloxistas co obxectivo de recoñecer o traballo de organizacións que loitan por unha cidade socialmente xusta, ambientalmente sustentábel e urbanisticamente responsábel.

Os galardóns nacen cun ton retranqueiro como contrapunto aos Vigueses Distinguidos que concede o Concello de Vigo. Porén, a organización subliña que non pretenden desacreditar eses premios oficiais, senón visibilizar outras voces da cidade que con frecuencia son cualificadas de “antivigo” polo goberno municipal cando expresan discrepancias ou propoñen alternativas.

A gala estivo conducida polo xornalista Javier H. Rodríguez e premiou na categoría de Xustiza Social ao Foro Socioeducativo As Ninguéns. O colectivo foi recoñecido pola súa loita continuada contra a pobreza e a exclusión social en Vigo, así como polo seu traballo de visibilización das persoas máis vulnerábeis e pola defensa da protesta social como motor de cambio.

Na categoría de Outro modelo de cidade, o premio foi para Beiramar da Xente, unha plataforma que reúne distintos colectivos sociais e veciñais comprometidos coa defensa do patrimonio industrial vigués. A organización destacou tamén pola súa oposición á especulación urbanística e pola defensa do dereito a unha vivenda digna e a uns servizos públicos de calidade.

O galardón na categoría de Medio Ambiente recaeu en Amigas das Árbores, unha entidade creada en 2024 que promove unha cidade máis verde e comprometida coa loita contra a emerxencia climática. O colectivo defende a importancia das árbores, dos espazos verdes e da biodiversidade urbana fronte a un modelo de urbanización que consideran excesivamente “gris”.

Durante o acto, a organización dos premios Antiviguesas Distinguidas reivindicou a importancia da participación cidadá na vida democrática da cidade. Segundo explicaron, “unha maioría absoluta lexítima non outorga a razón nin o poder absoluto”, e a democracia debe exercerse diariamente a través da participación, da información e do diálogo.

Neste sentido, os premios pretenden utilizar o humor e a retranca como ferramenta crítica fronte a unha forma de gobernar que, segundo indican, rexeita o disenso e non ten en conta propostas alternativas procedentes da sociedade civil.

Máis aló da crítica política, os organizadores insisten en que a iniciativa busca recoñecer o labor de colectivos que traballan por unha outra cidade posíbel en Vigo, aínda que non formen parte das homenaxes institucionais.

A organización anunciou ademais que os premios Antiviguesas Distinguidas nacen con vocación de continuidade. En futuras edicións serán as propias entidades sociais, ambientais e veciñais as que escollan de maneira aberta as persoas ou colectivos que merecen este recoñecemento polo seu traballo en defensa dunha cidade máis xusta e sustentábel.


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.