O Colexio Plurilingüe Alba reafirma o seu compromiso cunha educación baseada na igualdade e nos valores coa posta en marcha do I Ciclo de conversas MULLER_ES, unha iniciativa que achega ao alumnado de Secundaria a experiencia de mulleres referentes en diferentes ámbitos profesionais.
A actividade, organizada con motivo do Día Internacional da Muller, pretende visibilizar o papel das mulleres na sociedade e fomentar entre a mocidade valores como o esforzo, a igualdade e a superación persoal. “O obxectivo é poñer en valor a achega das mulleres á sociedade e trasladar ás novas xeracións referentes que inspiren”, explica a directora do centro, Patricia Dapena.
Deporte, cultura, activismo e industria
As primeiras sesións do ciclo estiveron centradas no ámbito deportivo coa participación da atleta olímpica Ester Navarrete e das futbolistas de As Celtas, Lara e Luchi.
Posteriormente, o ciclo abordou o ámbito dos dereitos civís coa presenza de dúas activistas destacadas como Sefi Romero e Ester Mariño.
O programa tamén dedica espazo á creación artística coa participación da directora teatral e presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, Chelo Pampillón, así como da recoñecida cantante Uxía, que compartirá co alumnado a súa traxectoria no ámbito cultural.
O ciclo completarase cun encontro dedicado ao sector industrial coa intervención da enxeñeira e subdirectora de Industrias Ferri, Elia Rodríguez Rodríguez.
Un formato participativo
As conversas están deseñadas como encontros participativos nos que o alumnado ten un papel activo. Nas semanas previas, os estudantes traballaron nas aulas contidos relacionados coas convidadas desde diferentes materias.
Segundo explica Patricia Dapena, o obxectivo foi ir máis alá da conferencia tradicional. Así, por exemplo, coincidindo coa participación de Chelo Pampillón, o alumnado analizou na aula a obra La casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca desde distintas perspectivas: o contexto histórico na materia de Historia e Xeografía e a análise literaria en Lingua Castelá.
Tamén se desenvolveron actividades noutras materias, como o estudo da resistencia nos deportes de fondo en Educación Física, o traballo musical arredor das versións de poemas realizadas por Uxía en Música ou a preparación de entrevistas ás convidadas en Lingua Galega.
“Queremos que o alumnado investigue, reflexione e dialogue directamente coas convidadas”, sinalan desde o centro, destacando que esta metodoloxía permite conectar o coñecemento académico coa experiencia vital de mulleres referentes.
Outras novas
- Denuncian la contratación de médicos sin especialidad en centros de Atención Primaria del área sanitaria de Vigo
- O Colexio Plurilingüe Alba impulsa o ciclo de conversas MULLER_ES
- La Audiencia de Pontevedra absuelve al policía local de Vigo acusado de violación
- La Diputación firma un convenio con el Celta para crear una escuela de fútbol
- La Policía Nacional detiene al último implicado en varios robos y la sustracción de dos vehículos






