Cultura

Máis de 23.000 paus de batea retirados nunha hora: o Tarugotón volve mobilizar o voluntariado nas praias galegas

Preocupación ante a gravidade da contaminación nos areais

Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA impulsaron ao longo da pasada fin de semana, do 27 de febreiro ao 1 de marzo, a II Recollida Simultánea de paus de batea nas praias de Galiza, nun esforzo conxunto por preservar as nosas costas e sensibilizar sobre a problemática da contaminación mariña.

Esta segunda edición do Tarugotón mobilizou máis de 600 persoas voluntarias ao longo do litoral galego, o dobre do que o ano pasado. O voluntariado recolleu preto de 23.000 paus de batea, ademais doutro tipo de lixo acumulado nas praias tras os temporais das últimas semanas.

A iniciativa convidou a todas as persoas interesadas a asumir o reto de recoller o maior número posible de tarugos ou paus de batea nun tempo máximo dunha hora en calquera praia do país. Como xa acontecera na primeira edición, o obxectivo do Tarugotón non foi unicamente retirar estes residuos, senón tamén dar visibilidade á problemática ambiental que supón a presenza destes plásticos nas nosas costas e continuar abrindo canles de diálogo con todos os actores implicados (administracións, empresas e sector bateeiro) para procurar solucións a longo prazo.

Gran cantidade de residuos plásticos nas praias

Este ano, a sensación foi agridoce. O éxito do Tarugotón supuxo unha gran alegría polo volume de xente implicada, pero ao mesmo tempo, evidencia con máis claridade a dimensión do problema. Non só no relativo aos paus de batea, que antigamente non eran de material plástico, senón tamén á gran cantidade doutros residuos plásticos presentes nos areais galegos, especialmente microplásticos, que poñen de manifesto as consecuencias do actual modelo de consumo baseado no «usar e tirar».

Con esta iniciativa, as entidades ecoloxistas queren dar aínda máis visibilidade á necesidade de impulsar cambios urxentes e procurar alternativas máis sustentables e respectuosas co medio ambiente. Limpiarousa, Surfrider España, ADEGA e Proxecto aMARte, amosan o seu agradecemento pola boa acollida desta acción de voluntariado ambiental, que cualifican de éxito. «A participación deste ano amósanos que imos polo bo camiño!».


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.