O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reclamou hoxe ao alcalde, Abel Caballero, que deixe de manter en segredo a candidatura da cidade para acoller o Mundial de fútbol 2030 e que explique á cidadanía de maneira clara e completa o proxecto antes de buscar apoios en Madrid.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do Bloque, sinalou que “está moi ben que o alcalde viaxe, pero o que non pode facer é ir pedir fóra o que non é capaz de explicar na súa propia cidade”. Igrexas denunciou que a aspiración mundialista non pode ser “o segredo mellor gardado de Caballero” nin unha ferramenta de “propaganda persoal”. “Se se quere que a candidatura sexa realmente de Vigo, primeiro ten que ser un proxecto da cidade e non só do alcalde”, engadiu.
O maior investimento do Concello de Vigo en décadas
A fronte nacionalista alerta de que este proxecto podería supoñer un investimento municipal de 75 millóns de euros, o que convertería esta candidatura no maior investimento do Concello en décadas. “Non podemos asinar un cheque en branco sen coñecer o custo real e, sobre todo, o retorno que isto traerá á cidade”, advertiu Igrexas, insistindo en que o momento actual esixe “racionalidade e seriedade” fronte ao “bucle de ruído e testosterona partidista” que, segundo o portavoz, protagonizan PP e PSOE.
Publicación do dossier, un estudo de impacto económico e consenso, como na Coruña
O BNG reclama tres medidas concretas para garantir transparencia: a publicación inmediata do dossier técnico da candidatura, a elaboración dun estudo de impacto económico independente que avalíe os beneficios reais para Vigo e a creación dunha Comisión Informativa Especial, seguindo o modelo de consenso aplicado no Concello da Coruña. “O alcalde ten que entender que a transparencia non é unha opción, é unha obriga”, subliñou Igrexas.
A fronte nacionalista lembra que a FIFA non decidirá as sedes definitivas ata o outono de 2026, polo que aínda hai tempo para “endereitar o que naceu torcido”. “Menos fotos en Madrid e máis claridade en Vigo”, concluíu o portavoz do BNG, instando a que a cidade se implique de forma efectiva na toma de decisións sobre a súa candidatura mundialista.
Outras novas
- O BNG esixe transparencia total sobre a candidatura de Vigo ao Mundial 2030
- Expertos e investigadores eligen Vigo para hablar sobre contaminación lumínica
- Dos médicos residentes en Vigo publican un estudio internacional que avala el ejercicio antes de la cirugía
- Vialia Vigo convierte marzo en un festival urbano de música, magia e inclusión
- O’Mega mantén a folga indefinida de médicos de Atención Primaria en Galicia e pide intervención de Rueda





