
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este venres en Vigo a súa campaña ‘Pronúnciate’ coa que anima a galeguizar os nomes e apelidos para recuperar as súas formas orixinais. A fronte nacionalista chama a reverter a “castelanización forzada”, en especial durante o franquismo, que prohibía de forma explícita o uso do galego na onomástica.
A deputada e responsábel local, Carmela González, destacou que esta campaña busca tamén responder á “perda alarmante” de falantes e do retroceso “sen precedentes” da lingua galega. Unha situación da que responsabilizou directamente ao goberno do PP na Xunta de Galiza por “obstaculizar a súa normalización” en todos os ámbitos, como o ensino, a administración e mesmo na Unión Europea.
“Rexistrar o teu nome en galego e restaurar os apelidos deturpados é unha expresión de liberdade, dignidade e coherencia”, defendeu González, quen considerou que “este pequeno xesto” axuda á normalización plena do galego, facendo visíbel a riqueza lingüística e revitalizando as formas xenuínas que “corren perigo de desaparecer”.
Rexistro Civil
A propia deputada animou a todas as viguesas e vigueses a dar ese paso, que ela mesma realizou no pasado. “Eu fun unha das miles de María del Carmen que hai na Galiza e decidín, hai anos, galeguizar o meu nome como mostra do meu orgullo de ser galega e por coherencia coa miña lingua e co meu sentimento de País”, salientou.
Durante a presentación da campaña, outros cargos institucionais como o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, ou o concelleiro, Filipe Abalde, xunto con militancia da organización acompañaron a Alexandre Basteiro (antes Alejandro Bastero) a xestionar no Rexistro Civil de Vigo a galeguización do seu nome e apelido.
Dende o Bloque destacaron que se trata dun trámite administrativo sinxelo que “afonda no “orgullo lingüístico e na autoestima colectiva do pobo galego”. Anunciaron que, durante as vindeiras semanas, continuarán con accións informativas para explicar o proceso e convidar á cidadanía a reflexionar para que recupere a onomástica propia.
Outras novas
- O BNG anima en Vigo a galeguizar os nomes e apelidos coa súa campaña ‘Pronúnciate’
- Arrestado, tras pegarle un puñetazo a su pareja
- El alcalde anuncia que habrá bandera azul en la playa «Samil derecha»
- Tui mergúllase no Entroido: desfile, música e o Enterro do Bacallau esta fin de semana
- Muere Eric Dane, el popular “McSteamy” de Anatomía de Grey





