Comarcas

Tui mergúllase no Entroido: desfile, música e o Enterro do Bacallau esta fin de semana

Doce comparsas de toda Galicia animarán as rúas tudenses con humor, cor e creatividade

Esta fin de semana, Tui convértese no epicentro do Entroido galego, cunha programación que promete encher as rúas de cor, música e gargalladas. A festa arranca o sábado ás 17:00 horas co Desfile-Concurso, que sairá do Espazo Feiral e percorrerá as rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e o primeiro tramo da rúa Compostela.

Doce comparsas chegadas de Tui, Vigo, O Porriño, Nigrán, Mos, Salceda de Caselas e Gondomar participarán nesta cita, reunindo a 975 persoas que exhibirán a súa creatividade e sentido do humor en 19 carrozas.

Abrirá o desfile a Asociación Cultural Pontellas do Porriño coa comparsa “A danza das Amazonas”, seguida de propostas como “O virus do Entroido” (Nigrán) e “Sabores do Mundo” (Vigo). Tamén se verán espectáculos cheos de maxia e cor, como “O Circo dos Feiticieiros” de Mos ou “O segredo do Frondal” de Vincios, en Gondomar.

O xurado valorará cada comparsa ao longo do percorrido, e repartirase unha bolsa de premios que inclúe desde 800 € para a categoría xeral ata galardóns para carrozas, parodias, coreografía e música. Mentres se deliberan os gañadores, a orquestra Triunfo amenizará o final do desfile entre as 21:00 e as 23:00 horas, mantendo vivo o espírito festivo.

Música

Ademais, ao longo do sábado, as rúas tudenses encheranse de música con actuacións matinais da charanga Cantos Somos e, pola tarde, coa Batucada Levada Arraiana de Estás, de Tomiño, combinando tradición, ritmo e alegría en cada esquina.

Domingo

A celebración continuará o domingo coa cita máis emblemática do Entroido tudense: o Enterro do Bacallau, previsto para as 19:30 horas na praza de San Fernando. O cortejo, acompañado polas doce comparsas e centos de persoas, percorrerá as rúas Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, Camilo José Cela, Praza de Galicia e Lugo, rematando no aparcamento municipal coa tradicional incineración do peixe, nun acto cargado de sátira e humor.

Ollo ás restricións de tráfico e ao aparcamento

Por motivos de seguridade e comodidade, durante o fin de semana haberá restricións no tráfico e no estacionamento nas zonas afectadas polo desfile e polo Enterro do Bacallau, incluíndo peches en rúas centrais e aparcamentos.


Outras novas


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.