O mundo das letras galegas perde unha das súas figuras máis sólidas e combativas. O escritor, ensaísta, filólogo e historiador Xesús Alonso Montero faleceu este xoves en Vigo, a cidade na que nacera o 28 de novembro de 1928. Tiña 97 anos e deixa tras de si unha traxectoria intelectual e cívica que marcou varias xeracións.
A morte de Xesús Alonso Montero en Vigo supón un golpe para a cultura galega contemporánea. Académico, profesor e divulgador incansable, presidiu a Real Academia Galega entre 2013 e 2017, etapa na que reforzou o papel público da institución e sucedeu no cargo ao tamén vigués Xosé Luís Méndez Ferrín.
Estudos literarios, ensaio político e análise histórica
Intelectual de pensamento crítico e palabra afiada, Alonso Montero foi moito máis ca un erudito. A súa obra abrangue estudos literarios, ensaio político e análise histórica, sempre cunha mirada comprometida co país. O seu labor como investigador e defensor da lingua converteuno nun referente central da historia cultural de Galicia no século XX e XXI.
Hai dous anos fora recoñecido como Vigués Distinguido, nun acto no que foi cualificado coma unha “figura clave e imprescindible na historia de Galicia e da súa cultura”. Un ano atrás realizara unha significativa doazón do seu arquivo documental á Fundación Penzol, entregando artigos, reflexións e traballos elaborados entre 2004 e 2020, un legado que permitirá estudar con maior profundidade o seu pensamento e a súa evolución intelectual.
Unha traxectoria moi recoñecida
Ao longo da súa dilatada carreira recibiu algúns dos máis relevantes galardóns da cultura galega e do xornalismo: o Premio Otero Pedrayo (1989), o Pedrón de Ouro (1992), o Premio Trasalba, o Antón Losada Diéguez de investigación, o Premio da Cultura Galega (2019) ou o Premio Laxeiro (2022). No ámbito xornalístico foi distinguido co Premio Galicia de Xornalismo en dúas ocasións (1986 e 1990) e co Premio Nacional de Xornalismo Julio Camba (1988), entre outros recoñecementos.
A súa dimensión pública tamén se estendeu ao ámbito académico e institucional: foi nomeado Doutor Honoris Causa pola UNED, Fillo Predilecto de Ribadavia e recibiu a Medalla de Ouro do Liceo de Ourense.
Compromiso político
Pero a traxectoria de Xesús Alonso Montero, referente da cultura galega, non pode entenderse sen o seu compromiso político. Militante comunista desde a mocidade, integrouse no PCE en 1962. Nas primeiras eleccións democráticas encabezou a candidatura do Partido Comunista de Galicia pola provincia de Lugo, no que exercía como docente no IES Lucus Augusti. A súa defensa das ideas progresistas e da memoria democrática formou parte inseparable da súa identidade pública.
Outras novas
- Morre en Vigo Xesús Alonso Montero, voz imprescindible da cultura galega
- Archivada provisionalmente la causa por la muerte por asfixia de una mujer en O Porriño
- Vigo reorganiza o Entroido 2026 pola choiva: París de Noia aprazada e mantense o gran desfile
- Este viernes llega ‘Oriana’, la novena borrasca de 2026, tras 45 días consecutivos de lluvia en Vigo
- Detenido en O Porriño con 50 gramos de cocaína en roca y dosis preparadas para la venta





