O Bloque Nacionalista Galego de Redondela deu por pechado o prazo para a posta en marcha da anunciada tarxeta social, un compromiso adquirido polo goberno municipal de Digna Rivas durante os debates previos á aprobación dos orzamentos de 2025 e que, segundo denuncian, non chegou a materializarse.
«Chantaxe política»
Xoán Carlos González, voceiro nacionalista, cualifica a actuación do executivo local como propia dun “goberno irresponsábel” e sostén que a creación deste instrumento social foi utilizada como “chantaxe política ao BNG”. Ao seu xuízo, nunca existiu unha vontade real de desenvolver a tarxeta, senón que foi empregada como “arma arroxadiza” no debate orzamentario.
González lembra que foi o propio equipo de goberno quen advertiu de que, sen a aprobación das contas, non sería posíbel crear esta tarxeta social. Porén, critica que nunca se detallaron cuestións básicas como quen serían as persoas beneficiarias, o modelo de funcionamento ou o período de vixencia do recurso.
Máis de 5.000 veciños e veciñas en risco de exclusión
Desde o BNG alertan ademais do contexto social no que se produce este incumprimento. “Os últimos informes de entidades independentes indican que en Galiza poderiamos chegar a un 20 % da poboación en risco de exclusión social”, sinala o voceiro. Unha porcentaxe que, trasladada a Redondela, suporía que máis de 5.000 veciños e veciñas poderían atoparse nesta situación.
“Argumentario populista”
Os nacionalistas rexeitan o que cualifican de “argumentario populista” empregado polo goberno local para presionar ao BNG e lamentan que un compromiso destinado a aliviar a situación de ducias de familias quedase, finalmente, en nada. “É unha nova irresponsabilidade en toda regra do goberno de Digna Rivas”, conclúe González.
O BNG defende a necesidade dun cambio de rumbo nos servizos sociais municipais, unha área que, segundo afirma, nin PP nin PSOE consideran prioritaria. “Cómpre desenvolver políticas pensadas por e para as necesidades reais da veciñanza, lonxe dos egos persoais”, sinala o voceiro, quen asegura que o Bloque traballará para devolver aos servizos sociais de Redondela un papel de referencia en Galiza.
Outras novas
- O BNG de Redondela denuncia que o goberno de Digna Rivas non creou a anunciada tarxeta social
- Suspendido el tráfico ferroviario con origen y destino Vigo por el temporal de lluvias
- No dejará de llover, lo que queda de esta semana y la próxima
- ¿Cómo prepararse para la Vig-Bay en 2026?
- Claves en la remodelación de oficinas y viviendas para trabajadores de la industria del agua





