O Goberno da Deputación vén de aprobar un amplo paquete de convenios e actuacións por un importe próximo aos 2,5 millóns de euros, orientados a fortalecer o emprego local, impulsar o deporte, potenciar o turismo e mellorar o benestar social en toda a provincia.
Emprego
Luís López, presidente do organismo provincial, informou de que Forcarei será o primeiro concello en beneficiarse deste novo exercicio, cunha achega de arredor de 135.000 euros que permitirá a contratación de seis persoas desempregadas para tarefas de conservación e mantemento de bens e servizos municipais. “En menos de vinte días desde que puxemos a disposición dos concellos 85 millóns de euros para 2026 e 2027, xa estamos repartindo as primeiras achegas”, subliñou.
Deporte
O deporte tamén gaña protagonismo cunha nova convocatoria de axudas para financiar bens e servizos en eventos deportivos ao longo de 2026, dotada con 220.000€. A iniciativa dá continuidade ao éxito da convocatoria de 2025, que na súa segunda fase permitiu distribuír outros 220.000 euros entre 266 entidades da provincia.
Turismo
No ámbito turístico, a Deputación aprobou as bases das axudas destinadas a cubrir custos salariais e gastos de atención ao público nas oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas, cun orzamento de 280.000€, unha medida clave para garantir un servizo de calidade durante todo o ano.
Acción Social
A acción social tamén sae reforzada coa aprobación do programa +Convivencia 2026, que contará con 300.000€, incrementando en 25.000 euros o orzamento do ano anterior. O obxectivo é crear espazos de encontro e participación entre entidades, promovendo o intercambio de experiencias e a posta en valor do patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia.
Investimentos
No capítulo de investimentos, a Xunta de Goberno deu luz verde á contratación das obras de reforma do sistema eléctrico do complexo Príncipe Felipe, cun investimento próximo aos 500.000€, que inclúe a modernización do centro de transformación, do cadro de baixa tensión e do grupo electróxeno.
Convenios municipais
A sesión completouse coa aprobación de varios convenios municipais de peso. Destaca o acordo co Concello de Ponteareas, por máis de 440.000€, para recuperar un inmoble na Praza Vella e poñer en valor os elementos patrimoniais vinculados á Festa do Corpus Christi. Así mesmo, aprobouse un convenio co Concello de Pontevedra para actuacións culturais e de promoción asociadas aos Premios Feroz, cunha achega de 300.000€ da Deputación e 268.000€ do Concello.
Outras novas
- Retrasos en los trenes de alta velocidad desde Madrid por una avería en Taboadela
- El Pleno debatirá exigir a AENA que recurra a expertos para captar vuelos a Vigo
- Investigada por explotación laboral, estafa y amenazas a trabajadoras extranjeras
- A Deputación de Pontevedra activa preto de 2,5 millóns para emprego, deporte, turismo e cultura
- O rural do Porriño amplía o saneamento en Cerquido





