
O conflito laboral no ensino público galego entra nunha nova fase a partir da vindeira semana. A CIG-Ensino anunciou a reactivación das mobilizacións coa posta en marcha da acción denominada “martes en loita” e a convocatoria de peches rotatorios en centros educativos de todo o país, abertos á participación de profesorado, alumnado e familias.
Segundo explican dende o sindicato, os peches realizaranse a partir de media tarde para facilitar a asistencia e terán lugar nas comarcas da Coruña, Costa da Morte, Ferrol, Compostela, Lugo, Terra de Lemos, A Mariña, O Salnés, Deza, Pontevedra, Vigo, O Morrazo, O Condado e Ourense, sen descartar que se incorporen máis localidades. As datas previstas son os martes, mércores e xoves das dúas vindeiras semanas.
Durante estes peches está previsto organizar asembleas abertas, elaborar material reivindicativo para colgar nos centros e debater sobre futuras accións, ademais de realizar accións informativas nas entradas ás aulas ao día seguinte, co obxectivo de explicar ás familias e ao alumnado as consecuencias das políticas educativas actuais.
«Martes en loita»
Paralelamente, a partir do 27 de xaneiro arrincará a iniciativa “martes en loita”, coa que se anima ao profesorado a acudir aos centros vestido de negro e con mensaxes reivindicativas visibles, tanto dentro como fóra do horario lectivo. A acción pretende manter viva a protesta e trasladar ás aulas e ás titorías as principais demandas do colectivo docente: ratios elevadas, falta de persoal para atender a diversidade, amortización de xubilacións, exceso de burocracia, profesorado impartindo materias alleas á súa especialidade e perda de liberdade pedagóxica.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, sinalou que estas accións buscan “resucitar simbolicamente” o ensino público galego, tras o enterro simbólico realizado en Compostela a finais do primeiro trimestre. Criticou duramente a falta de resposta da Consellaría e denunciou o que cualificou como unha estratexia de propaganda e desprezo cara ao sentir maioritario do profesorado, malia as cinco folgas e as mobilizacións masivas xa celebradas.
Recortes, dereitos perdidos e recoñecemento social e profesional o labor docente
O sindicato tamén cuestiona as negociacións que, segundo denuncia, se están a producir “ás agochadas” entre a Consellaría e outras organizacións sindicais asinantes do acordo educativo, sen información pública nin participación da representación maioritaria. Neste sentido, Arroxo advertiu de que a CIG-Ensino non renunciará ás súas demandas centrais: rectificar as políticas de recortes, recuperar dereitos perdidos e recoñecer social e profesionalmente o labor docente.
As mobilizacións manteranse ata o Entroido, cunha xornada especialmente reivindicativa o martes 10 de febreiro, na que se anima a combinar a protesta co carácter simbólico destas datas. A central sindical non descarta novas convocatorias de folga nos vindeiros meses se a Consellaría non acepta sentar a negociar de maneira aberta e efectiva.
Outras novas
- O profesorado anuncia peches rotatorios en centros educativos por toda Galiza
- El Meixoeiro ampliará la cirugía maxilofacial con nuevas consultas y quirófanos
- Peinador apunta a Europa: Londres, París y Milán en el radar del Concello
- Vigo recibió 260.000 visitantes hasta octubre de 2025, de ellos 42.000 extranjeros
- Lactalis retira leche infantil en 18 países, incluida España, por riesgo de intoxicación





