| Este xoves, dacordo co pronóstico de MeteoGalicia, unha fronte moi activa atravesará Galicia durante a mañá, deixando ceos cubertos e chuvias localmente fortes na metade oeste da Comunidade. Co paso da fronte entrará o aire frío con chuvascos na segunda metade do día, ocasionalmente treboentos. A cota de neve baixará ós 1.000 metros pola noite. Os ventos soprarán do suroeste fortes, con refachos moi fortes no litoral e en zonas altas na primeira metade do día, virando a noroeste moderado pola tarde. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso con máximas de 14 graos en Vigo-con 8 de mínima-; 13 en Ferrol, A Coruña, Ourense e Pontevedra; 12 en Santiago e 10 en Lugo. |
A Xunta activou para este xoves un aviso laranxa por temporal costeiro que afecta desde a madrugada ao litoral oeste e noroeste da provincia da Coruña e que, co paso das horas, se estenderá ás Rías Baixas.
Segundo informou o Goberno galego, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) prevé mar combinado do noroeste con ondas que poden alcanzar os seis metros de altura, o que supón un risco importante tanto para a navegación como para a seguridade das persoas nas zonas costeiras.
Co obxectivo de previr incidencias, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, comunicou a situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, ás deputacións, aos servizos provinciais, ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e a outros colectivos implicados, como os clubs náuticos.
Suspendida a actividade deportiva no mar
Como consecuencia do aviso laranxa, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou tamén a suspensión da actividade deportiva no mar nos municipios afectados, tanto a nivel federado como no marco do programa Xogade. As zonas concretas e os horarios nos que se aplica a suspensión poden consultarse na páxina web de Deporte Galego.
A Xunta insiste na necesidade de extremar as precaucións e lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, especialmente de diques, rompentes e paseos marítimos. Así mesmo, recomenda revisar os cabos e amarres das embarcacións e evitar calquera actividade no mar mentres se manteña o aviso activo.
Outras novas
- El alcalde alerta de la falta de vivienda y culpa a la Xunta del encarecimiento de los alquileres
- El Puerto acomete la reparación de 6.000 m2 de superficie viaria en el eje Bouzas-Guixar
- La huelga de médicos de Atención Primaria afecta a más de 5.500 consultas
- Acepta dos años de cárcel por agredir sexualmente a su vecina menor
- 281.000 gallegas, el 20% de la población femenina, están en riesgo de pobreza o exclusión





