Redondela reciclou ao longo de 2025 un total de 47.893 quilos de roupa usada, preto de 48 toneladas, grazas ao sistema de recollida selectiva de téxtil que o Concello mantén en colaboración con Cáritas. O municipio dispón de dez colectores distribuídos entre a vila, Chapela, Cesantes, Reboreda e Cedeira, que son baleirados mensualmente por persoal da entidade social.
«Moda re-«
A iniciativa enmárcase no programa “Moda re-”, co que se busca facer fronte ao incremento dos residuos téxtiles provocado polo consumo masivo de moda barata. Segundo os datos municipais, cada familia de catro membros deposita de media máis de 6,6 quilos de roupa ao ano nestes colectores.
Desde o Concello destacan que a reciclaxe de roupa e calzado presenta unha dobre vantaxe. Por unha banda, evítase que estas prendas acaben na planta de tratamento de Sogama, reducindo tanto o impacto ambiental como o custo económico da xestión dos residuos. Pola outra, moitas das pezas recollidas poden ser reutilizadas.
Economía circular
A roupa depositada é clasificada e tratada por Cáritas nas súas plantas de xestión para a súa posterior venda en establecementos de segunda man. “Trátase dun proxecto de economía circular que xera emprego, reduce a contaminación e limita o consumo de materias primas”, sinalan desde o goberno local. As prendas que non se poden comercializar tamén se reutilizan noutros sectores, como a automoción ou a construción.
O Concello de Redondela fai un chamamento á cidadanía para que deposite nos colectores específicos toda a roupa, calzado ou téxtil do fogar que xa non utilice, estea en bo ou mal estado, como unha forma sinxela de contribuír á protección ambiental e ao aproveitamento responsable dos recursos.
Outras novas
- Abel Caballero: «La ETEA sin el aparcamiento no vale para nada»
- Lluvia todo el fin de semana
- Galicia pecha 2025 con 96 mortos nas estradas, seis máis que o ano anterior
- Colectivos sociales cuestionan el dispositivo de frío del Concello
- Vigo dispondrá de un nuevo ‘corredor mecánico’ entre Travesía y Aragón, con tres rampas





