O Capítulo Galego da Internacional Antifascista convocou unha concentración urxente en Vigo para este sábado 3 de xaneiro, ás 20.00 horas, diante do Consulado de Venezuela, situado na rúa Velázquez Moreno, 3. A mobilización prodúcese como «resposta aos ataques militares rexistrados nas últimas horas en Venezuela e ás informacións sobre unha posible intervención directa impulsada polo Goberno dos Estados Unidos».
A convocatoria está promovida pola Asociación AGABO xunto con diversas organizacións políticas, sindicais, culturais e sociais, entre elas BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, PCRG, Podemos Galiza e UPG, que expresan o seu rexeitamento frontal a calquera forma de agresión armada externa contra un pobo soberano.
Segundo trasladan as entidades convocantes, nas últimas horas producíronse ataques a gran escala e explosións en Caracas e noutras zonas do país, nunha escalada que consideran de extrema gravidade e que, advirten, pon en risco directo á poboación civil e á estabilidade de América Latina e do Caribe.
Outras novas
- Las obras de Clara Campoamor, en el entorno del Cunquiero, estarán listas en junio
- Arranca la campaña de la Renta 2025: estas son las nuevas deducciones y los cambios clave
- O Porriño amplía a sala Antonio Palacios cunha nova exposición e unha gran maqueta de Vigo
- El AVE directo Vigo-Madrid por Cerdedo se retrasa, al menos, hasta 2040
- El alcalde anuncia «el mayor plan de asfaltado de su historia», que empieza en 40 calles
‘Vulnera os principios básicos do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas’
As organizacións denuncian que o uso da forza militar como ferramenta política vulnera os principios básicos do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas, e consideran especialmente alarmantes as informacións difundidas por autoridades estadounidenses sobre a suposta captura e traslado fóra do país do presidente venezolano, feitos que o Goberno de Venezuela cualifica como unha grave agresión militar e unha violación da súa soberanía.
Desde o Capítulo Galego da Internacional Antifascista defenden que ningunha xustificación política, económica ou xeoestratéxica pode lexitimar unha intervención militar, nin baixo argumentos de seguridade nin de loita contra o narcotráfico, e reiteran o dereito dos pobos a decidir libremente o seu futuro sen inxerencias externas.
A concentración pretende esixir o cesamento inmediato das accións militares, a retirada de calquera dispositivo de intervención estranxeiro, a protección da poboación civil e a activación de vías de diálogo político por parte da comunidade internacional baixo criterios de soberanía e non inxerencia.





