O Grupo Parlamentario Socialista vén de denunciar que a Xunta de Galicia mantén sen facer públicos 13 contratos menores adxudicados ao despacho Equipo Económico, fundado polo exministro de Facenda Cristóbal Montoro e actualmente investigado por presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias.
Formalizados durante a presidencia de Feijóo, por preto de 173.000€
Segundo explicou a deputada socialista Patricia Iglesias, os contratos foron formalizados entre os anos 2009 e 2011, durante a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, por un importe total de 172.838€. A día de hoxe, asegura, o Executivo autonómico non facilitou unha información completa, ordenada nin verificable sobre o contido, a utilidade real nin a xustificación administrativa destes expedientes.
Iglesias sinala que, tras acceder o pasado 12 de setembro á documentación dispoñible, o Grupo Socialista detectou deficiencias de especial gravidade, como informes que non pasan de simples borradores, documentos sen sinatura nin autoría identificable e materiais de carácter xeral que se limitan a reproducir normativa fiscal estatal sen adaptación ás competencias propias da Comunidade Autónoma.
Fusión das caixas galegas
Entre os expedientes revisados figura tamén un arquivo en formato PowerPoint sobre a fusión das caixas galegas, sen conclusións técnicas nin recomendacións finais, que foi utilizado como apoio para xustificar unha das decisións económicas máis relevantes da historia recente de Galicia.
Ese mesmo día, o PSdeG solicitou formalmente copia íntegra de todos os contratos menores adxudicados a Equipo Económico, así como dos informes finais asociados a cada un deles. Segundo denuncian os socialistas, esa documentación segue sen remitirse, o que supón un incumprimento dos principios de transparencia, colaboración parlamentaria e control democrático da acción do Goberno.
A iniciativa rexistrada no Parlamento insta agora á Xunta a entregar de inmediato toda a documentación pendente, explicar os criterios seguidos para a adxudicación reiterada de contratos a un mesmo despacho e revisar os procedementos internos de contratación, especialmente no ámbito dos contratos menores, para garantir a trazabilidade documental, evitar a fragmentación indebida e reforzar os mecanismos de control e fiscalización.
Outras novas
- Las obras de Clara Campoamor, en el entorno del Cunquiero, estarán listas en junio
- Arranca la campaña de la Renta 2025: estas son las nuevas deducciones y los cambios clave
- O Porriño amplía a sala Antonio Palacios cunha nova exposición e unha gran maqueta de Vigo
- El AVE directo Vigo-Madrid por Cerdedo se retrasa, al menos, hasta 2040
- El alcalde anuncia «el mayor plan de asfaltado de su historia», que empieza en 40 calles






