A Deputación de Pontevedra recibiu un total de 43 candidaturas para o I Premio Castelao de Textos Teatrais en lingua galega, unha convocatoria que nace para darlle pulo ao dinamismo e a vitalidade da dramaturxia galega contemporánea. O xurado reunirase o vindeiro 29 de xaneiro de 2026, coincidindo co aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, para decidir a obra gañadora dun premio dotado con 12.000€.
Este novo galardón cultural créase no marco da conmemoración do 75 aniversario do falecemento de Castelao, figura clave da cultura galega do século XX e referente imprescindible da creación literaria e teatral do país. Dramaturgo, escritor, artista, político e pensador, Castelao fixo do teatro un instrumento de reflexión social, compromiso e defensa da identidade galega, valores que inspiran o espírito deste premio.
O xurado estará integrado por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario de Galicia, ademais do secretario da administración provincial. Os textos presentados deberán cumprir criterios estritos, como estar escritos en lingua galega conforme á normativa da Real Academia Galega e non superar os 200.000 caracteres, espazos incluídos.
Adquisición dos dereitos de explotación
As obras concorren de maneira totalmente anónima, baixo o sistema de plica, e non poden ter sido premiadas anteriormente nin representadas en escena. Ademais da dotación económica, o premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra gañadora, cunha tiraxe máxima de 800 exemplares, o que garante a súa difusión editorial.
Co I Premio Castelao de Textos Teatrais, a Deputación de Pontevedra busca apoiar a creación dramática, promover o talento literario da provincia e contribuír á proxección do teatro en lingua galega. Ao mesmo tempo, o certame pretende manter viva a memoria e o legado de Castelao, reivindicando a súa figura como un dos grandes piares da cultura galega e como símbolo dun teatro comprometido coa lingua, a sociedade e o país.
Outras novas
- Continúa en el Pacífico la búsqueda del jefe de máquinas Viking Bay, desaparecido en alta mar
- Máis de 40 obras optan ao I Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación
- A reforma do pavillón de Reboreda, en marcha
- Desde el jueves, el peaje de Vigo a Coruña superará los 21€ y los 5€ el de Pontevedra
- Propuesta para ‘jugar en equipo’, en la ampliación de Balaídos





