Celso Bugallo (Sanxenxo, 1947) faleceu aos 78 anos, deixando unha fonda pegada no teatro, no cinema e na televisión galega e estatal. Cunha carreira sostida durante máis de 40 anos, foi un dos rostros máis recoñecibles da interpretación en Galicia.
Os seus inicios na escena remóntanse a comezos dos anos setenta en Logroño (A Rioxa), cidade na que residiu durante seis anos e onde formou parte de diversas compañías teatrais. A chegada ao cinema produciuse de maneira tardía pero decisiva: debutou na gran pantalla aos 52 anos en A lingua das bolboretas, ás ordes de José Luis Cuerda, papel que marcou un punto de inflexión na súa carreira.
Desde entón participou en títulos clave do cinema español da primeira década do século XXI, como Los lunes al sol, de Fernando León de Aranoa; O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa; ou La vida que te espera, de Manuel Gutiérrez Aragón.
O recoñecemento definitivo chegoulle en 2004, cando recibiu o Premio Goya ao mellor actor secundario polo seu papel como o irmán de Ramón Sampedro en Mar adentro, de Alejandro Amenábar.
Entre os seus traballos máis lembrados figura tamén o personaxe de Amadeo, cabo da Garda Civil en La noche de los girasoles, un papel complexo no que encarnou os conflitos entre a vida persoal e a responsabilidade profesional.
Na televisión participou en ducias de series, con especial presenza no audiovisual galego, en producións como Mareas Vivas, Rías Baixas, Terra de Miranda, Galicia Express ou Entre Bateas. A súa morte supón a perda dunha figura esencial da cultura galega contemporánea.
