Galicia

Rota a negociación do convenio da conserva

Os sindicatos alertan de que o sector está abocado ao conflito tras a proposta “regresiva” da patronal

O sector da conserva de peixe afronta un escenario de conflito laboral tras a ruptura das negociacións do convenio estatal, logo de que a patronal presentase unha proposta cualificada de regresiva polas organizacións sindicais. CIG, CCOO e UGT, os tres sindicatos con representación na mesa negociadora, deron por rotas as conversas este luns ante a ausencia de avances e o bloqueo empresarial en cuestións clave.


Outras novas


Sistema de clasificación profesional e suba salarial real do 0%

Segundo denuncia a CIG, o empresariado insiste en manter o actual sistema de clasificación profesional, ao que atribúe unha elevada discrecionalidade, e propón unha suba salarial real do 0 %, o que perpetúa a precariedade nun sector con condicións laborais historicamente deficitarias.

A proposta patronal contempla para 2025 unha actualización salarial ligada ao IPC interanual de decembro, máis un 1,5 % a conta, coa revisión das táboas en xaneiro de 2026 e o pagamento dos atrasos tras a publicación do convenio, o que suporía uns 400€ de media por persoa traballadora. Para a parte social, esta fórmula adía e dilúe calquera mellora real do poder adquisitivo.

Na última xuntanza da mesa negociadora tampouco houbo avances noutras materias como a redución da xornada, as licenzas ou a ampliación de dereitos laborais. Ante esta situación, os tres sindicatos celebrarán este xoves 18 unha xuntanza telemática para abordar a convocatoria dun calendario de mobilizacións.

Dignificar as condicións laborais

Desde a central nacionalista insisten na necesidade de retomar o traballo iniciado no anterior convenio para dignificar dunha vez por todas as condicións laborais do sector. Entre as principais reivindicacións figura a implantación dun novo sistema de clasificación profesional “claro e transparente”, baseado nunha valoración obxectiva dos postos de traballo que evite decisións arbitrarias por parte das empresas. A CIG propón definir con precisión cada nivel e anexar un catálogo de postos (nomenclátor) que determine o seu encadre.

O sindicato defende tamén a regulación en convenio de complementos obxectivos como quendas, traballo en frío, perigosidade ou polivalencia, unha “débeda histórica” co persoal de fabricación, ao que —sinalan— non se lle recoñecen axeitadamente os coñecementos e condicións específicas.

Suba salarial do 5%

Entre as demandas inclúese igualmente a asignación automática do nivel en función da categoría real e do traballo desempeñado, unha suba salarial lineal que garanta salarios dignos e o principio de “igual salario por traballo de igual valor”. A CIG reclama ademais a promoción automática tras dous anos nun posto, ante a resistencia dalgunhas patronais a actualizar categorías.

O pliego reivindicativo complétase cunha suba salarial do 5 % anual para os exercicios 2025, 2026 e 2027; a mellora de todas as licenzas e permisos retribuídos, computados en días laborais; a redución da xornada anual máxima a 1.715 horas en 2025, 1.700 en 2026 e 1.685 en 2027; o recoñecemento do descanso do bocadillo como tempo efectivo de traballo; e a fixación de 31 días laborais de vacacións.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.