O Bloque Nacionalista Galego denunciou este martes que o Concello de Vigo continúa a incrementar as subvencións públicas destinadas á Igrexa Católica. Segundo datos achegados pola formación nacionalista, a Diócese Tui-Vigo recibiu ou ten comprometidos ao longo deste ano arredor de 640.000 euros procedentes das arcas municipais, a través de cinco convenios para financiar actos de carácter relixioso —como procesións e actividades de Semana Santa— así como actuacións sobre patrimonio propiedade da Igrexa.
“Contrario a un marco aconfesional”
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou esta política de “contraria a un marco aconfesional” e reclamou a fin das achegas públicas a unha confesión relixiosa concreta. Neste sentido, advertiu de que o proxecto de orzamentos municipais para 2026 inclúe novas partidas por un importe de 288.000 euros destinadas a este mesmo fin.
O 60% do ozamento dedicado ao Plan Municipal de Emprego
Desde a formación nacionalista subliñan que as subvencións concedidas á Igrexa Católica durante 2025 supoñen, segundo os seus cálculos, arredor da metade do investimento municipal en axudas sociais e case o 60% do orzamento dedicado ao Plan Municipal de Emprego. Para o BNG, esta comparación evidencia unha “falla de criterio” á hora de priorizar o destino dos fondos públicos.
Ademais, o Bloque estima que, nos últimos cinco anos, o Concello de Vigo destinou directa ou indirectamente uns 1,5 millóns de euros á Igrexa Católica. Igrexas denunciou tamén a “opacidade” do Goberno municipal en relación con estas achegas e reiterou a petición de que se fagan públicas todas as axudas e colaboracións coa Diócese Tui-Vigo, unha demanda xa formulada en anteriores ocasións.
Outras novas
- Vigo seguirá aislada por tren este viernes: Renfe prolonga la suspensión
- Luisa Sánchez anuncia el final de las obras en Navia y la Pista Vermella este mes
- Arrestada en Vigo una cuidadora, por una cadena de hurtos de joyas en casas de personas mayores
- La pobreza vuelve a crecer: uno de cada cinco gallegos está en riesgo de exclusión social
- Protesta en Vigo por la falta de personal en Atención Primaria: profesionales y pacientes alertan de una situación crítica
IBI
O BNG puxo igualmente o foco noutros beneficios municipais dos que, ao seu xuízo, goza a Igrexa, como a exención do pagamento do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) en inmobles que non están destinados ao culto, como parcelas, vivendas, garaxes ou locais comerciais. Un trato que a formación considera discriminatorio en comparación co que reciben asociacións veciñais, centros culturais ou entidades sen ánimo de lucro, que si deben facer fronte a estes tributos municipais.





