Persoas traballadoras e delegadas sindicais da CIG nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e nas residencias de maiores e centros de día privados, veñen de iniciar un peche no interior dos Concellos de Vigo, Santiago e Lugo en demanda de condicións laborais dignas, mentres que no caso da Coruña e de Ferrol están a desenvolver concentracións diante de empresas do sector. Estas mobilizacións fan parte da campaña posta en marcha pola federación de Servizos para forzar a negociación dos convenios colectivos tras anos de parálise.
Un grupo de empregadas e de responsábeis da CIG-Servizos accedeu arredor das 11:30 horas ao interior dos Concellos de Vigo, Santiago e Lugo ao mesmo tempo que outros grupos iniciaban concentracións diante das instalacións de DomusVi en Ferrol e de Emera (antiga Clece) en Bastiagueiro. No caso de Pontevedra está prevista unha acción reivindicativa pola tarde.
Mellora das condicións de traballo
Con estas accións a central quere reclamar unha mellora das condicións de traballo do persoal dun sector esencial como o de coidados, loita que incluíu xa diversas xornadas de folga e numerosas mobilizacións para denunciar a parálise da negociación dos dous convenios colectivos, cunhas patronais que se negan a sentarse, coa “complicidade” da conselleira de Política Social, Fabiola García, “a pesar de que a Xunta é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes”.
Outras novas
- Persoal dos SAF, das residencias de maiores e centros de día privados, péchase no Concello
- Llega a Vigo, ‘Tarzán, el musical’
- Detenido en Vigo, por golpear y causar daños a un coche que no era suyo, en plena calle
- Galicia alcanzará 24.190 contratos en la campaña navideña, un 4,2% más que el año pasado
- La oposición de Redondela mantiene la batalla contra la «subida de un 165%» en el recibo de la basura
Precariedade
De feito, os SAF leva dende 2012 sen convenio e as residencias dende 2023, polo que as persoas traballadoras do sector padecen condicións de precariedade e baixos salarios dende hai anos.
Unha precariedade que se vai perpetuar tendo en conta que os Orzamentos autonómicos para 2026 “non se incrementan o necesario para dotar de condicións dignas o sector”, ademais de tratarse de partidas orzamentarias non pechadas, polo que en calquera momento se poden mover contías millonarias para outros servizos, “como aconteceu na partida destinada aos SAF, da que a Xunta detraeu 17 millóns de euros”.
Polo que a central sindical seguirá a promover mobilizacións en apoio das “xustas reivindicacións” das milleiros de empregadas do sector, que continuarán a loitar polos seus dereitos laborais ante a “inacción” e a “falta de vontade política” para dignificar o sector da dependencia e a atención domiciliaria. “Continuaremos esixindo que se lles escoite, que se melloren as súas condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados”.
Creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas
Precisamente con este obxectivo a CIG aposta pola creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención as Persoas que integre os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar; e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou Transporte Adaptado. “Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais do persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio”.






