Cultura

Creación sonora e vinilos de cerámica: nace en Vigo o selo musical ANALOGIK DREAMS

Combina tradición e vangarda para crear edicións únicas en vinilo e cerámica reproducible.

Unha nova proposta de creación sonora e investigación cultural, que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música en directo e traballo artesán, ve a luz en Vigo. Nace ANALOGIK DREAMS, un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura, que propón a edición de gravación de pezas musicais en vinilo acompañadas de discos de cerámica reproducibles, unha proposta tan inusual como especial polo seu percorrido interdisciplinario e vital. 

O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. “É un modelo de selo musical expandido: a produción física, o acceso dixital e a participación social intégranse coa promoción do talento emerxente local”, apunta o artista.

Bandas emerxentes

Este proceso arranca coa gravación directa en vinilos con bandas emerxentes. “Lonxe de semellar nostálxicas, falamos de prácticas resistentes que se resignifican fronte á homoxeneidade do streaming”, expón Cancelo. Estas gravacións lévanse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar unha peza “única e limitada, tanto a nivel artístico como sonoro, sen favorecer a sobreprodución”. 

En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunha plataforma dixital. “ANALOGIK DREAMS non só estimula a economía circular cultural arredor da música, o deseño ou a cerámica, senón que posiciona a Galicia como referente no eido da innovación artesá e sonora a nivel europeo”, asevera o responsable do proxecto.


Inicio da residencia artística

Logo de numerosos meses de traballo e investigación, ANALOGIK DREAMS comeza ser unha realidade co inicio, esta semana, do seu programa de residencias artísticas. Da man do musicólogo Aleks Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro, no que se fará efectiva a gravación sobre o soporte físico.

Gravacións abertas ao público

Precisamente ao longo destes días realizaranse tres gravacións con bandas e solistas do país que estarán abertas ao público, a fin de dar a coñecer desde a proximidade esta proposta e poñer en marcha unha das ideas chave do proxecto, como é favorecer os espazos de escoita colectiva e a xeración de comunidade.

A primeira delas terá lugar este xoves 20, ás 20.00 horas, e chegará da man de Clo Plas, o proxecto artístico de Xiana Arias e Berio Molina que explora a oralidade da montaña de Lugo con música experimental e midi.

A seguinte gravación sobre cerámica será a d’Os Lindes (o dúo conformado polo compositor Marco Maril -Apenino- e o cineasta Álex Cancelo) o xoves 27, tamén ás 20.00 horas.

E, finalmente, o sábado 29 será a quenda da música e investigadora lucense arredor da tradición oral e a experimentación coa gaita,  Carme López.

ANALOGIK DREAMS

  • Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámicaDo luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde. Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)
  • Gravacións abertas ao público (ata completar capacidade)
  • Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES
  • – Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.