Destacados Vigo al minuto

O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de rirse da cidade cos seus anuncios sobre vivenda

E critica a súa “política de Aliexpress” nun tema tan serio para milleiros de familias

O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de rirse da cidade cos seus anuncios sobre vivenda

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reaccionou aos anuncios realizados esta mañá polo alcalde, Abel Caballero, en materia de vivenda acusando o rexedor de “rirse da xente”.


Declaracións de Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG en Vigo

Así o valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, para quen o anuncio dun programa de 2,5 millóns de euros para que o Concello compre vivendas para as destinar a alugueiro é “puro fume e unha verdadeira tomadura de pelo aos centos de familias traballadoras e millares de mozas e mozos que hoxe non se poden permitir, literalmente, vivir na nosa cidade”.

“Que nunha cidade con máis de 7.100 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida a grande medida do goberno de Caballero sexa un programa para adquirir apenas 13 vivendas é rirse da xente”, argumentou.

2,5 millóns cando o Concello ten máis de 150 millóns de remanentes

Igrexas cuestionou a ridícula dotación económica do programa, de só 2,5 millóns de euros, lembrando que o orzamento total do Concello supera este ano os 400 millóns e que as arcas municipais teñen máis de 150 millóns de remanentes. “2,5 millóns para comprar vivendas por un máximo de 180.000 euros, a conta é ben doada de facer”, subliñou.


Outras novas


“Política de vivenda de Aliexpress”

Aliás, criticou o “efectismo” do anuncio de hoxe, toda vez o único que vai facer o Concello é aprobar na Xerencia do Urbanismo convocada para o vindeiro martes a incoación do expediente, o que na práctica só supón iniciar a tramitación administrativa.

“Estamos diante dunha verdadeira estafa. Política de vivenda de Aliexpress. Pura e dura simulación para que pareza que se está facendo algo cando en realidade non se quere facer nada, como demostrou o PSOE no último Pleno votando en contra da moción do BNG na que se urxían despregar medidas concretas para facilitar o acceso á vivenda, que xa foran aprobadas polo propio Pleno no mes de marzo de 2024″, denunciou Igrexas.

Vivendas de 25 m2

O portavoz municipal nacionalista retratou a “ambiciosísima política de vivenda de Caballero como delirante, dando a coñecer que o borrador do prego de condicións para a compra desas vivendas estabelece que como superficie mínima terán 40 metros cadrados, pero admite que poida haber estudos de 25 metros cadrados. “A solución de Caballero ao gravísimo problema da vivenda é ofrecer uns poucos pisos que van ter menos tamaño que o seu despacho no Concello, enfatizou.

Compra menos pisos dos que vendeu

Neste sentido, desde o BNG denuncian que este novo “programa pantasma” vai ter menos vivendas que a metade dos 40 pisos que o Concello vendeu por 5,5 millóns de euros na rúa República Arxentina, no ano 2017, en lugar de destinalos para crear un verdadeiro parque público de vivenda social na nosa cidade, como demandaba o BNG.

Xa abonda de rirse da xente, xa chega de anuncios ocos e medidas aparenciais”, esixiu Igrexas, defendendo que as moitas viguesas e vigueses que non poden acceder a unha vivenda nunha cidade que ten, segundo datos oficiais do INE preto de 22 mil vivendas baleiras, “o que precisan e merecen é unha verdadeira política de vivenda, con feitos, mobilizando recursos e actuando de verdade”.

Te podría interesar