Galicia

AI pide á Xunta que asigne recursos para reforzar os centros pequenos e familias acolledoras da infancia migrante

E fai sete recomendacións para garantir unha acollida digna

AI pide á Xunta que asigne recursos para reforzar os centros pequenos e familias acolledoras da infancia migrante

Amnistía Internacional Galicia remitiu hoxe unha carta aberta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, na que reclama que se dote dos recursos necesarios para garantir a acollida digna da infancia migrante que está en centros saturados de Ceuta e Canarias e será trasladada ás Comunidades Autónomas nos vindeiros meses, cumprindo así co principio do interese superior do menor e as normas internacionais de dereitos da infancia

Actuación positiva

“Valoramos positivamente o compromiso expresado pola Conselleira de Política Social no parlamento galego o pasado 24 de setembro de proporcionar unha atención integral, tanto sanitaria como educativa e social, a estes menores”, declarou a voceira de Amnistía Internacional Galicia

Así, Sara Prieto, que reclamou “información polo miúdo de como se vai concretar ese compromiso” e celebrou “a rápida condena do presidente Rueda do ataque o 20 de setembro ao centro de Monforte, crucial para frear o discurso de odio. Asemade, instou a “traducir esa condena en accións concretas para garantir a acollida digna e itinerarios de inclusión individualizados desta rapazada“. A Xunta anunciara uns días antes que destinará ese centro de 80 prazas á acollida de nenos e nenas non acompañados procedentes de comunidades e cidades autónomas en emerxencia migratoria. 

“A día de hoy no tengo nada”

En marzo no informe “A día de hoy no tengo nada” denunciamos que o modelo de macrocentros non favorece a protección e integración dos e das menores, polo que demandamos que se asignen desde xa os recursos necesarios para garantir a acollida digna reforzando os centros pequenos e familias e que os orzamentos de 2026 inclúan  financiamento dabondo para facelo”, declarou Prieto.

A voceira de Amnistía laiouse de que “Malia que en febreiro nunha reunión de Amnistía Internacional co presidente Rueda garantira que, cunha planificación axeitada, a acollida de menores procedentes de Canarias, Ceuta e Melilla era asumible para a Xunta, desde entón non se adoptaron medidas para dotarse dos recursos necesarios e reforzar o modelo de acollida en centros pequenos e familias”. Prieto lamentou o silencio da Consellería de Política Social ás diversas cartas sobre o tema remitidas por Amnistía, que en repetidas ocasións pediu corresponsabilidade e solidariedade á Xunta e que afaste esta cuestión da liorta partidista.


Outras novas


Recomendacións

As sete recomendacións trasladadas á Xunta para garantir o interese superior dos menores migrantes son:

  • Determinar a dimensión de modo axeitado dos recursos precisos para a atención dos menores, incluídos os recursos propios da Xunta, ademais dos destinados a organizacións implicadas na acollida dos menores.
  • Revisar a normativa e os criterios para a apertura e funcionamento de centros de acollemento residencial para garantir unha acollida digna, incluída a revisión dos criterios de contratación e control do persoal.
  • Garantir un sistema de inspección e control dos centros residenciais, con mecanismos para a canalización axeitada das posibles denuncias de violencia contra os menores, que evite que tanto eles como as persoas que poñan a disposición das autoridades esta información sufran represalias. 
  • Asegurar que os centros elaboran programas educativos individualizados e que se detecta e identifica axeitadamente a menores con necesidades especiais ou a menores con algunha condición de vulnerabilidade.
  • Garantir o acceso a servizos especializados, incluído os de saúde mental con enfoque de infancia e procesos migratorios.
  • Acreditar que se escoita ás e aos menores nas decisións que as/os afectan, e reciben información axeitada sobre os seus dereitos, incluído o dereito a pedir protección internacional, e se lles facilita acceso a asistencia letrada e a intérprete de calidade.
  • Adoptar todas as medidas precisas para combater o racismo e a discriminación, especialmente contra a infancia migrante. Para isto, as autoridades públicas e representantes políticos deben comprometerse a absterse de utilizar discursos que os criminalizan ou que os deshumanizan, ademais de censuralos cando se produzan.

Te podría interesar