Xerais/ Abril Camino (A Coruña, 1980), vén de acadar o Premio Xerais de Novela 2025 por ‘Mulleres que viven xuntas‘, unha novela tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración. O libro, xunto coa obra infantil Erin e o lobo, de Érica Esmorís, e a distopía xuvenil O corvo sobre a neve estarán á venda dende mañá xoves, 2 de outubro.
Cal é a orixe desta novela?
A orixe, curiosamente, estivo nunha crise de escritura, a primeira que tiven na miña carreira. Tiña varias historias na cabeza, pero ningunha me convencía de todo e levaba meses nun bucle. Ata que unha noite, no verán de 2023, estaba a falar con miña nai sobre unha vella historia familiar e… xurdiu a faísca: e se algunha desas mulleres «solteiras» que viven con outra muller non foran en realidade solteiras? Dende aí, todo veu rodado.
Ti mesma dis que esta é a historia de amor de dúas mulleres da xeración da posguerra, non a de dúas lesbianas que escoitan a Taylor Swift. Eras consciente da necesidade de facer memoria e contar tamén as historias das mulleres lesbianas nunha época especialmente difícil para elas?
Por suposto. Eu son das que pensa que ningún tempo pasado foi mellor e é algo do que son consciente dende moi nova. Aínda hoxe, agás en contextos moi concretos, non é doado para moitas persoas homosexuais saíren «do armario» ou mesmo aceptaren a súa sexualidade. Non quero nin imaxinar o que sería hai catro, seis ou oito décadas.
Esta é unha novela de pares: dúas mulleres, dous tempos (pasado e presente), un narrador en terceira persoa e outro en primeira persoa… Pensabas nesa dualidade cando escribías?
A cuestión estrutural si que a tiven moi clara dende o comezo: quería escribir os capítulos intercalados do presente e do pasado, e que foran escritos cos seus correspondentes narradores: primeira persoa presente por unha banda e terceira persoa omnisciente en pasado por outra. E o dobre protagonismo feminino era indubidable, dada a trama da novela.
Toda a historia de amor entre Chus e Isabel atravesa tamén a historia do século XX. Como foi o traballo de documentación para ter tan presentes os acontecementos históricos que teñen lugar a medida que transcorre a trama?
Son unha apaixonada da historia contemporánea e tamén da cultura pop. Os capítulos do pasado correspóndense, máis ou menos, cada un cunha década da segunda metade do século XX e dos comezos do XXI. E elixín un ou dous acontecementos para cada década/capítulo: algúns máis solemnes, coma a morte de Franco ou a aprobación do matrimonio homosexual e outros máis pop, coma a morte de Lady Di ou a de Freddie Mercury. Non precisei dunha documentación demasiado extensa, xa que son temas que teño moi presentes.
Un dos acontecementos que se recollen é a aprobación do matrimonio homosexual hai 20 anos. Que importancia ten ese feito para as protagonistas despois de toda unha vida escondidas?
Para elas é un momento agridoce, xa que si, a súa relación podería equipararse legalmente coa dunha parella heterosexual, pero a realidade social é outra. Ou, polo menos, así é como o perciben elas, sobre todo Chus. A aprobación do matrimonio homosexual para elas non supón, nin moito menos, unha saída automática do armario.
Chus e Isabel son parella pero, á vez, son dous personaxes contrapostos. Unha leva impresa a represión da sexualidade, a outra vive máis afastada dos prexuízos alleos. Esta é unha evidencia do condicionante que é o contexto social en que somos educadas, non si?
Por suposto. Coido que o contexto no que nos criamos todos é fundamental para imprimirnos unha ideoloxía, un xeito de ver o mundo. Chus recibe a típica educación da clase alta nacional-católica, polo que o camiño ata aceptar a súa sexualidade é longo e nada doado. Isabel, pola contra, criouse en Inglaterra e é obvio que a década dos sesenta, na que elas estaban na súa adolescencia ou primeira xuventude, foi moi diferente en Londres que en Compostela.
E aínda así, Chus da mostra dunha gran valentía. Como foi poñerse na súa pel para entender como vivía unha muller do seu tempo a homosexualidade?
Foi duro e triste. Eu son unha muller heterosexual nada en 1980 nunha familia moi aberta de mente, así que meterme na súa pel foi case como viaxar a outro planeta. Pero mantiven algún trazos da súa personalidade dende os primeiros capítulos, nos que tiña dezasete anos, ata o final, máis alá dos oitenta. Chus é unha vítima do seu tempo, si, pero tamén é unha muller cuns principios moi sólidos, obstinada e loitadora, aínda que ás veces poida parecer o contrario.
É este libro tamén un recoñecemento a unha xeración que viviu momentos tan duros para a diversidade?
Sen dúbida. Para a diversidade e para calquera forma de disensión coa moralidade da época. Creo que é xusto que os que nacemos con certas liberdades garantidas recoñezamos a loita ou, polo menos, o sufrimento que lles supuxo a falla desas liberdades ás xeracións anteriores.
O libro foi galardoado co Premio Xerais de Novela. Como recibiches este recoñecemento?
Como a mellor sorpresa da miña vida. Non estaba no momento de maior autoestima profesional cando recibín a nova e sentín que, dalgún xeito, o premio me reconciliaba cunha profesión da que coñecera algúns aspectos amargos nos últimos anos. Estou moi agradecida ao xurado e con moita gana de que chegue ás librarías.
O acto de entrega do premio ás autoras gañadoras terá lugar o víndeiro día 11 no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Nesta ocasión, Xerais celebra 40 edicións do Premio Merlín de Literatura Infantil, un galardón que foi testemuño da evolución da LIX galega dende a súa fundación, coa achega de novos
autores, temas e xéneros aos nenos e nenas galegos.