A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos en activo. Esta distinción valora as “traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas”. A entrega dos galardóns terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro en Santiago.
Dous dos premiados son investigadores da Universidade de Vigo, a doutora Laura Carballo e o doutor Juan María Pou.

Laura Carballo Piñeiro
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, recoñece a Laura Carballo Piñeiro (Marín, 1971), catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais. A súa principal liña de investigación artéllase en torno ao Dereito laboral marítimo internacional, da que é un referente.
É catedrática de Dereito e Política Laboral Marítima na World Maritime University, creada pola Organización Marítima Internacional (OMI), con sede en Malmö, e da que foi directora do seu departamento de Dereito e Política Marítima.
Participou nun consorcio internacional para prover á Dirección Xeral de Transportes da Comisión Europea dun estudo sobre os aspectos sociais dentro do transporte marítimo. Para a Federación Europea de Traballadores do Transporte realizou un proxecto sobre seguridade social e emprego marítimo.
Dirixiu un programa destinado a promover o traballo decente a bordo de buques da mariña mercante. Participou nun estudo sobre os horarios de traballo no mar, que suscitou que varios países solicitaran á OMI que puxera en marcha as súas recomendacións.
É asesora do Comité de Expertos na Aplicación dos Convenios e Recomendacións da Organización Internacional do Traballo e vai ser a primeira galega en impartir un curso na Academia de Dereito Internacional da Haia.

Juan Mª Pou
Experto na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, Juan María Pou Saracho (A Guarda, 1963), catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas.
Cofundador e investigador principal do grupo de “Aplicacións Industriais dos Láseres” da UVigo, é un referente internacional neste eido. As súas liñas de traballo céntranse nas aplicacións dos láseres na industria, a saúde e a sostibilidade; con preto de 8 millóns de euros acadados en proxectos e contratos e 34 patentes.
Destacan os seus traballos de valorización dos produtos e residuos xerados nas cadeas de produción vencelladas ao mar, como o aproveitamento de espiñas e ósos de peixe para obter fosfatos de calcio; a mellora da eficiencia dos sistemas mecánicos empregados nas artes de pesca; a mellora de produtos e servizos nos sectores da automoción, construción naval, aeronáutico, téxtil e da pedra natural para obter unha industria intelixente e sostible; o desenvolvemento de novos produtos para as industrias
farmacéutica e biotecnolóxica ou obtención de próteses e implantes con propiedades mecánicas melloradas.
Participa nun proxecto europeo centrado no uso da tecnoloxía láser para reciclar o vidro que non se recicla, como o empregado en produtos farmacéuticos ou en dispositivos electrónicos como teléfonos móbiles e pantallas de ordenador.
“Este galardón é un recoñecemento a todas as persoas que desde os anos 1980 se dedicaron
e seguen a dedicarse a investigar sobre as aplicacións do láser en Galicia e, en particular, ao
noso grupo da Universidade de Vigo. Agradézolle aos meus compañeiros do CINTECX por
crear un magnífico ambiente de traballo para desenvolver a nosa investigación” -sinala-.