Comarcas

A Mancomunidade, en coma

Non ten actividade e conta cun investimento «equivalente a un café con leite por habitante»

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda sacar do «punto morto» a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo. Así, os nacionalista cuestionan a falla de actividade deste ente, cun investimento equivalente a un café con leite por habitante o pasado exercicio, e que non ten despregado servizos relevantes durante 33 anos de existencia.

Á vista desta situación, Xabier P. Igrexas, asegura que é a día de hoxe «unha casca baleira, apenas un logotipo», após a celebración este luns do Pleno da Mancomunidade. Defendeu, pola contra, reactivar un organismo que «pode e debe ser un instrumento útil» para a veciñanza da cidade e dos concellos da contorna, mentres o desenvolvemento da Área Metropolitana non sexa efectivo.

600.000€ para 375.000 habitantes

Deste xeito, a sesión plenaria aprobou as contas do ano 2024 que reflicten, a xuízo da fronte nacionalista, a «parálise» deste organismo: investiu 600.000€ para 375.000 habitantes, un gasto de 1,72€ por persoa, deixando 90.000 euros do orzamento sen executar. Unha falla de acción que, advertiu Igrexas, provocou que a Mancomunidade acumule uns remanentes de case 2 millóns de euros. Na actualidade, o único servizo que desenvolve é un programa mínimo de asesoramento a emprendedores.

«Isto non é xestión; é puro e duro desleixo»

Manifesta o portavoz municipal do BNG de Vigo, lembrando que cada ano o Concello achega 116.000€ das viguesas e vigueses para financiar a Mancomunidade que despois non se utilizan. «O PSOE, con Abel Caballero á fronte, mantén esta entidade en coma profundo por falta de iniciativa, converténdoa nunha estrutura inerte que non vertebra a nosa área metropolitana nin mellora a calidade de vida da veciñanza», responsabilizou.

Durante a sesión plenaria, o Bloque foi a única forza política en intervir para trasladar propostas para reactivar. Pola súa banda, o PP volveu estar ausente de «maneira irresponsábel», critica Igrexas, acusando o grupo popular de «teimar en sabotar» a Mancomunidade co obxectivo da súa «morte por inanición».

«É claro que uns e outros están a priorizar o cálculo partidista sobre o ben común, a mesma lea partidista que matou a Área Metropolitana antes de que chegase a nacer«, engade o voceiro nacionalista en relación ao PSOE e ao PP. Para o BNG, esta situación está a impedir que a área de Vigo poida desenvolver o seu potencial para liderar a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e converterse no motor de Galiza.


Outras novas


Cooperación entre concellos

Por estes motivos, o Bloque aposta por unha Mancomunidade «actuante e útil» que ofreza mellores servizos á veciñanza, investindo os remanentes en medidas concretas mentres a Área Metropolitana non sexa unha realidade efectiva. «A mellor maneira de empurrar o desbloqueo da vertebración metropolitana que freou o PP desde a Xunta é precisamente empurralo desde abaixo, con feitos», defendeu Igrexas.

Un camiño que, afirma o portavoz nacionalista, pasa polo diálogo e colaboración entre os concellos para deixar atrás o «hiperlocalismo limitante que nos condena ao illamento». Dende a fronte nacionalista consideran que o futuro de Vigo pasar por liderar esta realidade metropolitana sumando esforzos para enfrontar retos comúns como a mobilidade da área ou servizos como a xestión de residuos municipais co obxectivo de saír do modelo «obsoleto, caro e insustentábel» de Sogama.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.