Imágenes: Robert Besora/ San Simón, a opera prima de Miguel Ángel Delgado, tivo onte a súa estrea mundial no Festival de San Sebastián nunha sesión á que asisistiu un multitudinario grupo pertencente ao equipo técnico e artístico, familiares das persoas que estiveron presas na illa e representantes de diversas asociacións.
Membros do público, visiblemente conmovidos e emocionados conversaron ao remate da proxección no cine Príncipe con Miguel A. Delgado, Flako Estévez, Andrea Vázquez, Guille del Moral e Alexandro Bouzó sobre “un tema que aínda non se trata abertamente en España” e “un filme no que parece que non pasa nada porque hai calma aparente, pero está implícito que pasa de todo”, tal e como engadiu un asistente á sesión.
En palabras do director esta estrea foi “un momento emocionante froito de anos de traballo, non só noso, senón de toda a xente que colaborou. E precisamente todo ese traballo cobrou sentido onte cando compartimos co público a historia de San Simón”.
Antes da súa estrea comercial o próximo 24 de outubro, San Simón tamén poderá verse na sección Panorama Galicia do Festival de Cine Internacional de Ourense o próximo 2 de outubro.
Outras novas
- A la cárcel por contactar con su expareja, a través de perfiles falsos en redes sociales
- O Pleno de Redondela da luz verde á compra de Villa Elisa, para a nova biblioteca municipal
- “Porriño en Festas!”
- As Rías Baixas recibiron 700.000 visitantes este verán, deles más de 210.000 estranxeiros
- El lunes, el Concello aprobará otra subida de los impuestos municipales del 4%
Os campos de concentración franquistas
A historia de San Simón sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos «pechados». San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.

Construíndo a memoria desde o punto de vista das vítimas
Por iso, San Simón narra a historia deste campo de concentración que se fundou na pequena illa galega desde os primeiros días da sublevación militar que non deixa de ser unha metáfora do que pretendía crear o fascismo: unha inmensa prisión. Case seis mil persoas de toda España pasaron por ela durante os sete anos que estivo en funcionamento. Era un proxecto totalizador cuxo obxectivo buscaba –literalmente– encerrar a un pobo nunha illa.
“A historia dos campos non supón unicamente unha crónica negra, tamén nos obrigan a preguntarnos sobre a vixencia de conceptos como a democracia, a dignidade, a liberdade ou os dereitos humanos“, indica Miguel Ángel Delgado, o director do filme.
Por iso, a película rodouse na localización orixinal onde tiveron lugar os acontecementos na illa: os edificios, os peiraos, a ponte de pedra que une ambos os illotes, a chaira da illa, os areais que a rodean. Para filmar os interiores a produción tivo que trasladarse a localizacións fóra da illa como a ETEA de Vigo, o Convento de Santa Clara de Pontevedra ou A Cova da Moura no concello de Cenlle.


Equipo: desde actores profesionais ata familiares dos presos da illa
Ademais, o elenco de San Simón mestura actores e actrices profesionais con actores e actrices sen experiencia previa. Entre eles están Flako Estévez, Alexandro Bouzó, Guillermo Queiro, Ana Fontenla, Mª del Carmen Jorge, Manuel F. Landeiro, Lucía Amarelle, Javier Varela, Tatán, Darío Fernández, Jesús Rodríguez Martínez ou Andrés Giráldez. Entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos presos de San Simón.