Cultura

O filme ‘San Simón’, anuncia que chegará ás salas de cine o 24 de outubro

Logo da súa estrea mundial, este xoves no Festival de San Sebastián

O filme 'San Simón', anuncia que chegará ás salas de cine o 24 de outubro

A un día da súa estrea internacional na sección Made in Spain do Festival de San SebastiánSan Simón anuncia que a súa chegada ás salas comerciais terá lugar o próximo 24 de outubro. A Donosti asistirán varios membros do equipo técnico e artístico e a estrea -unha das poucas da súa sección e o único filme en galego do festival- contará con presentación e coloquio de Miguel A. Delgado, Flako Estévez, Andrea Vázquez, Guille del Moral, Alexandro Bouzó.

Ademais disto, antes da súa estrea comercial, San Simón tamén poderá verse na sección Panorama Galicia do Festival de Cine Internacional de Ourense o próximo 2 de outubro.

Campo de concentración

A historia de San Simón sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos «pechados». San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega. 


Outras novas


Construíndo a memoria desde o punto de vista das vítimas

San Simón narra a historia deste campo de concentración que se estableceu nesta illa desde os primeiros días da sublevación militar que non deixa de ser unha metáfora do que pretendía crear o fascismo: unha inmensa prisión. Case seis mil persoas de toda España pasaron por ela durante os sete anos que estivo en funcionamento. Era un proxecto totalizador cuxo obxectivo buscaba –literalmente– encerrar a un pobo nunha illa.

“A historia dos campos non supón unicamente unha crónica negra, tamén nos obrigan a preguntarnos sobre a vixencia de conceptos como a democracia, a dignidade, a liberdade ou os dereitos humanos, indica Miguel Ángel Delgado, o director do filme.

A película rodouse na localización orixinal onde tiveron lugar os acontecementos na illa: os edificios, os peiraos, a ponte de pedra que une ambos os illotes, a chaira da illa, os areais que a rodean. Para filmar os interiores a produción tivo que trasladarse a localizacións fóra da illa como a ETEA de Vigo, o Convento de Santa Clara de Pontevedra ou A Cova da Moura no concello de Cenlle.

Te podría interesar