Diante do anuncio de que a planta de celulosa de Altri/Greenfiber quedará excluída da planificación eléctrica 2025-30 por parte do Goberno central, Greenpeace pide á Xunta que non autorice o proxecto ao carecer do necesario reforzo eléctrico. Aínda que a empresa poderá presentar alegacións, Greenpeace agarda que o Goberno ratifique a súa decisión ao ser un proxecto altamente lesivo desde o punto de vista ambiental e contrario á transición ecolóxica.
Outras novas
- El alcalde asegura que el solar del nuevo centro de salud Olimpia Valencia es del Concello
- La Universidade de Vigo dispondrá de dos nuevos edificios en la ETEA hasta el año 2100
- Musicales, magia, ballet o circo, en el Mar de Vigo, desde este mes hasta enero de 2026
- Encuentran sin vida al hombre desaparecido en Sada
- Alertan de un error en la aplicación de control de glucosa
Non cumpre os requisitos técnicos e ambientais
O proxecto de Altri, tal e como se informa na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) publicada o pasado 14 de marzo, ten unha demanda eléctrica estimada 5 MW durante a fase de obras, mais necesita de 110 MW durante a fase de explotación, polo que require unha subestación eléctrica e un permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión de 220 kW que nin sequera foi obxecto da DIA. Esta conexión non entra nos plans do Goberno do Estado ao parecer por non cumprir os requisitos técnicos e ambientais.
Sen PERTE de descarbonización…
Esta exclusión da planificación eléctrica súmase á denegación de fondos PERTE de descarbonización, en cuxa convocatoria o proxecto de macrocelulosa de Altri obtivo a segunda peor puntuación ao non garantir unha redución de emisións suficiente e usar demasiados combustíbeis fósiles, entre outros aspectos.
…e sen os 250 millóns de euros de fondos públicos
Tampouco parece que a “esixencia” por parte da empresa e a propia Xunta de Galicia de até 250 millóns de euros de fondos públicos para o proxecto vaia ter o visto bo do Goberno central, tal e como afirmou a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e vicepresidenta terceira, Sara Aagesen, en Vigo o pasado xuño.
De igual maneira, a vía do Banco Europeo de Investimentos (BEI) tampouco parece unha posibilidade para que Altri consiga diñeiro público segundo declaracións da súa presidenta, Nadia Calviño, o pasado agosto.
“A macrocelulosa de Altri xa debería ser rexeitada hai tempo polas súas graves afectacións ambientais e polo enorme rexeitamento social xerado. Insistiuse en impulsar un proxecto que non vén sumar nada á sustentabilidade futura da industria galega e que xerou un conflito social de gran calado que Galicia non se merece. Os indicios da súa inviabilidade desde todos os puntos de vista son cada día máis palpábeis. Non vai ter suficiente materia prima se non se abre un novo ciclo de plantación de eucalipto; non vai ter electricidade dabondo sen conexión eléctrica; non vai ter auga porque non se poden obviar os futuros impactos do cambio climático e existen mesmo serias dúbidas de que vaia ter mercado para tal cantidade de produto final“, apunta Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.