Cultura

The Wild pecha a sétima edición en Vigo con máis de mil asistentes

El Drogas foi o gran protagonista

The Wild pecha a sétima edición en Vigo con máis de mil asistentes

Imaxes: Paula Cermeño/ O Parque Forestal de San Miguel de Oia despediu este domingo a sétima edición do festival The Wild, unha cita que durante tres días uniu música, natureza, cine e actividades familiares cunha marcada aposta pola sustentabilidade.

Foi unha edición especialmente intensa, marcada polos cambios de última hora no día das actuacións e no cabeza de cartel, ademais da ameaza da choiva que tivo en alerta á organización durante toda a fin de semana. Con todo, nada disto conseguiu deslucir o festival e o público respondeu con forza, enchendo o parque en cada xornada.

El Drogas

Máis dun milleiro de persoas asistiron ao festival, consolidándoo como a festa de peche de verán favorita dos galegos. A xornada máis multitudinaria foi a do venres, cando El Drogas, icona do rock en español, ofreceu un directo cargado de enerxía que conquistou ao público vigués.

No recital, de máis de dúas horas de duración, non faltaron tanto temas propios da súa carreira en solitario, como clásicos do rock estatal como En blanco y negro, No hay tregua ou Oveja negra, que o público coreou con forza.


Tamén en vigoalminuto


Salvaxesons

O festival foi tamén escaparate para o talento emerxente coa final do concurso de bandas Salvaxesons, no que competiron Supergigante, Martin Human, Exeria e Gargantúa. Nesta ocasión o fallo foi competencia única do xurado, que decidiu outorgar o primeiro premio a Martin Human, seguido de Exeria, Gargantúa e Supergigante.

Como novidade da terceira edición do concurso, as catro bandas na final recibiron dotación económica, achegada polo CC Vialia Estación Vigo. Os premios estiveron dotados con 200, 300, 400 e 900 €
respectivamente. A continuación actuaron Netta Rufina, gañadores do Salvaxesons hai dous anos, que regresaron a The Wild xa como banda consolidada.

Actividades infantís

Especial mención merecen tamén as actividades infantís, que cada ano atraen a máis familias a pasar a xornada Cé Orquestra Pantasma co seu espectáculo Animalada, Peter Punk Pallaso con Con lingua propia e as inéditas Olimpíadas Pallasas fixeron resoar centos de gargalladas e crearon un ambiente tranquilo e divertido para festivaleiros de todas as idades.

Orientaventura

Outra das actividade máis multitudinarias foi Orientaventura a popular xincana de orientación por equipos que combina deporte e traballo en equipo. A actividade, con modalidade familiar incluída, encheu os montes de Oia e de Saiáns durante toda a mañá do domingo.

Te podría interesar