Do 20 ao 23 de agosto, Cangas converterase no corazón do jazz galego coa chegada dunha nova edición do Canjazz, que este ano presenta un cartel con artistas procedentes de Corea do Sur, Arxentina, Senegal, Países Baixos, Portugal ou Galiza, afianzando un ano máis o carácter internacional e de intercambio cultural do festival.
Cartel homenaxe á historia mariñeira da vila
O cartel desta edición é unha creación de Guillotina Estudio, inspirado nas antigas latas de conserva de Galiza e Portugal. Un deseño que rende homenaxe á historia mariñeira de Cangas e á súa tradición conserveira, ao tempo que xoga de maneira visual coa palabra “can”, que en inglés significa “lata”.
Programación estable durante todo o ano
A Asociación de Jazz de Cangas dá un paso adiante coa vontade de consolidar unha programación estable ao longo de todo o ano, que inclúa un concerto mensual e que comezará nos vindeiros meses, así como obradoiros e actividades de divulgación e fomento do jazz na comarca.
Para facer realidade este proxecto, a Asociación anima a sumarse como socia/o cunha cota anual de 30€, que contribuirá a financiar estas iniciativas. Non en van, Cangas acolle un dos festivais de jazz máis antigos do noroeste peninsular e conta cunha profunda tradición musical vencellada a este xénero, sendo berce de artistas recoñecidos e cun público fiel e entusiasta.
Ese é o motor que impulsa a Asociación a ampliar a súa aposta cultural, ofrecendo máis citas musicais ao longo do ano. Ademais, as persoas asociadas gozarán de descontos nas actividades e no merchandising do festival. Para facerse socia/o, só é preciso cubrir o formulario dispoñible en www.jazzcangas.org.

Programa Canjazz 2025
Mércores 20
A XXVIII edición do festival comezará o mércores 20 ás 22h no Eirado do Costal co Sun-Mi Hong Quintet, formación liderada pola baterista e compositora surcoreana afincada en Ámsterdam Sun-Mi Hong, unha das voces máis singulares do novo jazz europeo recoñecida pola crítica de Downbeat pola súa “sorprendente orixinalidade”.
A partir das 23:30h, a Taberna Cambika acollerá Travessia, proxecto da pianista portuguesa Catarina Rodrigues, creado xunto á cantante Joana Raquel. Unha proposta poética e suxerente, que mestura jazz, canción e improvisación libre, e que nesta ocasión contará tamén co saxo e sintetizador de Afonso Silva. A noite rematará cunha jam session aberta.
Xoves 21 de agosto
Ás 22:00h, o Eirado do Costal recibirá ao pianista e compositor arxentino Guillermo Klein, referente mundial do jazz contemporáneo e fundador da lendaria banda Los Guachos da que formaron parte moitos dos artistas máis importantes do jazz actual. Klein reencontrarase con músicos cos que mantén unha relación artística e persoal de máis de 15 anos: Xan Campos (piano), Iago Fernández (batería), Zé Pedro Coelho (saxo tenor) e Demian Cabaud (contrabaixo) cunha formación e repertorio creados específicamente para a ocasión.
Ás 23:30h, a Taberna Cambika continuará coa proposta do trío Meirinhos – Patiño – Fernández, cun proxecto que aposta pola liberdade creativa, a escoita profunda e a reinterpretación contemporánea de standards de jazz, seguido dunha jam session.

Venres 22 de agosto
O día comezará ás 11:00h no Auditorio Municipal cunha masterclass de Guillermo Klein, dirixida a músicos e estudantes. A inscrición está aberta a través da web www.jazzcangas.org (20 € tarifa xeral, 10 € para socias/os).
Pola noite, ás 22:00 h no Eirado do Costal, será a quenda do Gabriela Suárez Quartet, liderado pola cantante canaria Gabriela Suárez, unha das voces máis prometedoras do jazz estatal, con gran influencia de figuras como Ella Fitzgerald ou Billie Holiday, e acompañada por Martín Otero (piano), Tana Santana (contrabaixo) e David Xirgu (batería). Un jazz vocal de tradición clásica, cunha interpretación cálida e expresiva, que transita entre o swing, a balada e as sonoridades latinoamericanas.
Ás 23:30h, o Chiringo Massó acollerá ao Xurxo Estévez Trio, con Sunil López (piano) e Dani Pimen (batería), seguidos da habitual jam session nocturna. O trio ofrecerá un concerto divertido e animado combinando standards con temas propios.
Otras noticias
- Mos aproba definitivamente o proxecto de expropiación para a construción da senda peonil en Dornelas
- O ‘Canjazz 2025’ reúne en Cangas o jazz de catro continentes con artistas de prestixio internacional
- 13 ofertas para ejecutar la obra de construcción del Instituto Domingo Villar, en Navia
- O Porriño destina máis de 3.000 m2 á creación de 80 vivendas protexidas
Sábado 23 de agosto
O festival pechará ás 22:00h no Eirado do Costal cun trío pouco común que combina o lirismo e a intensidade do violonchelo de Ernst Reijseger (Países Baixos), a voz profunda e telúrica de Mola Sylla (Senegal), e o piano de Harmen Fraanje (Países Baixos) que vai do máis delicado á improvisación máis desbordada. Un traballo que mestura jazz co folclore africano e a improvisación contemporánea, cun resultado espiritual e teatral ao mesmo tempo.
O fin de festa virá de mans de Miguel Seoane Trio, con Álvaro Orcajo (contrabaixo) e David Puime (batería), encargados de poñer o broche final ás 23:30h no Chiringo Massó, seguido da última jam session desta edición. A banda liderada por Seoane, formado en 2022 en Ámsterdam, achega un repertorio de composicións orixinais inspiradas nas formas curtas máis comúns da tradición e nunha interacción libre e improvisada á que estivo exposto en Holanda.