“O emprego é unhas das prioridades absolutas do goberno municipal do Porriño”, asegura o seu alcalde, Alejandro Lorenzo. É por iso que dende o servizo de Porremprego trabállase a diario con programas formativos, de orientación e asesoramento, “dirixidos á mellora da empregabilidade da veciñanza”.
Estas actuacións deron como resultado, dende o inicio deste 2025, a inserción no mercado laboral dun total de 270 persoas, “un exemplo claro de consolidación do Porriño como referente en políticas activas de emprego ben deseñadas e centradas nas necesidades reais do tecido empresarial, para o cal mantemos contacto directo con todo o sector e sobre todo coas pemes”, subliña o alcalde.
Programa Integrado de Emprego (PIE), Porriño Humaniza e Máis Provincia
O Programa Integrado de Emprego (PIE), o obradoiro dual “O Porriño Humaniza”, o programa de emprego para persoas mozas “O noso encontro co emprego”, xunto con outros plans como o Máis Provincia e cursos como os AFD, postos en marcha pola Concellería de Emprego e Formación, financiados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, son a base na que se fundamentan os resultados acadados de insercións, que se complementan coas 964 sesións de orientación e asesoramento individualizado e as 5.746 horas impartidas de formación.
Coordinación entre oferta e demanda
Os resultados desa coordinación entre oferta e demanda á hora de programar accións formativas queda reflectida na alta porcentaxe de inserción acadada xa no PIE. Dos 100 participantes, o 65% xa está traballando, un 10% deles ocupando un posto na administración pública. “Este dato evidencia, unha vez máis, o éxito dun modelo baseado na formación adaptada, a orientación personalizada e a implicación directa coas empresas”, remarca Alejandro Lorenzo, incidindo na continuidade “dese contacto directo e procura de solucións, melloras e apoio total ao pulmón industrial de Galicia, co máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado ao seu 100%”.
Bolsa municipal de emprego
De xeito paralelo, Porremprego, como “piar estratéxico da política municipal”, dispón dunha bolsa de emprego local na que todas as persoas, desempregadas ou non, poden inscribirse para mellorar a súa situación laboral. Este servicio complementario fixo medrar o número de usuarios da mesma, así dende xaneiro de 2022 inscribíronse 1.023 persoas, acadando os 7.073 rexistros.