Destacados Vigo al minuto

Vigo perdeu 3.500 empregos no último trimestre

Segundo datos de Anquisa de Poboación Activa (EPA)

Vigo perdeu 3.500 empregos no último trimestre

Vigo perdeu 3.500 empregos no último trimestre, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), e o nivel de ocupación na cidade segue por debaixo dos rexistros previos á pandemia. Á vista deste feito, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda un xiro de 180 graos nas políticas da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo “diante da emerxencia laboral e da crise produtiva e industrial“.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, responsabilizou desta crise produtiva ás “nefastas” políticas industriais, económicas e laborais do “Goberno galego do PP durante os últimos anos”. De igual forma, acusou o Goberno local de “negar” a realidade laboral da cidade e afeou que a maioría das partidas orzamentarias destinadas a plans de emprego estean sen executar.

6.900 persoas menos traballando

Igrexas cualificou de “moi preocupantes” os datos que reflicte a EPA,  con 3.300 postos de traballo menos dos que había o pasado ano. Dende 2009, a cidade ten 6.900 persoas menos traballando. “Menos ocupación significa menos emprego e menos actividade económica, sen traballadoras e traballadores non hai actividade nin produción”, advertiu.

Na industria se destruíron 1 de 4 empregos, dende 2009

Dende o Bloque sinalaron que esta crise faise notar con especial intensidade no sector industrial, onde se destruíron 1 de cada 4 empregos nos últimos 16 anos. Pola contra, alertaron do avance do peso do sector servizos, que representa xa case un 80% do emprego total en Vigo, o que está a significar un incremento das taxas de emprego precario, temporal, baixos salarios e de falla de valor engadido.


Tamén en vigoalminuto


Blindar actividades estratéxicas

Fronte a esta situación, o BNG insistiu na urxencia dunha decidida intervención pública para blindar o futuro de actividades estratéxicas para a cidade como o naval, a automoción a pesca e o complexo mar-industria.A nosa aposta é que Vigo volvamos ser o potente pulmón produtivo e industrial de Galiza”, defendeu o portavoz nacionalista.

A fronte nacionalista volveu reclamar un xiro de 180 graos nas políticas da Xunta, propoñendo tres medidas para reverter o devalar produtivo e recuperar pulso industrial e innovador na cidade: a posta en marcha dun Plan de reactivación industrial e produtiva na comarca de Vigo, dun Centro de Reparacións Navais e coa creación dun Centro para o Impulso Tecnolóxico.

Triunfalismo de Caballero e Regades

Igrexas lamentou tamén as declaracións “triunfalistas” tanto do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, diante deste panorama laboral. “Ambos os dous utilizan o descenso estatístico do paro para ocultar a realidade material: que en Vigo hai cada vez menos xente con traballo”, retrucou o voceiro do Bloque.

Aclarou que moito do desemprego que desaparece a efectos formais débese á emigración, que golpea con dureza a unha mocidade que “segue a ser expulsada por falla de oportunidades laborais”. E tamén a que as persoas sen traballo que están en ERTE ou cursando accións formativas de inserción laboral non computan como desempregadas.

Autocomplacencia” do Goberno municipal

A fronte nacionalista reclamou ao Goberno municipal que abandone a “autocomplencia” e deixe de “negar” a realidade laboral da cidade. “É inaceptábel que o Concello de Vigo destine máis recursos a subvencionar aeroliñas en Peinador que ao seu Plan de Emprego, ou que o gasto en luces e adornos de Nadal triplique o que se dedica a políticas de promoción do emprego e da actividade económica”, criticou Igrexas.

Tachou de “inexplicábel” que, na metade do ano, o Goberno local non teña executado “nin  un só euro” do Plan de Emprego Xuvenil, nin tampouco da liña de axudas para a contratación ou do Plan de creación de emprego. Partidas que suman case 2 millóns de euros do orzamento municipal mentres hai case 15.000 viguesas e vigueses sen traballo.

Para o BNG é necesario desenvolver as “enormes potencialidades que temos como cidade universitaria”, no camiño de converter Vigo na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións. “Para competir con coñecemento e valor engadido e non con precariedade a baixos salarios, e para lograrmos que a mocidade teña que deixar de escoller entre precariedade, paro ou emigración”, defendeu o portavoz municipal, chamando a que na cidade se completen ciclos produtivos en lugar de seguir avanzando cara a un modelo que se limita a ensamblar pezas fabricadas fóra. 

Te podría interesar