O Bloque Nacionalista Galego (BNG) critica que o Goberno de Abel Caballero siga sen responder as máis de 4.500 alegacións formuladas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A fronte nacionalista tacha de «violencia institucional» contra a veciñanza e colectivos sociais que se dilate a resposta cando pasaron 1.282 días de que finalizase o período de exposición pública en xaneiro de 2022.
Así, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de «un novo patadón para diante» da concelleira de Urbanismo, que afirmou este martes, ante a interpelación nacionalista, que as alegacións van ser respondidas unha vez entre en vigor o novo Plan Xeral, cuxa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO) está prevista para dentro de varias semanas.
Tamén en vigoalminuto
- ‘Vientres de arena’, el documental vetado por Marruecos, se proyecta en Vigo en su camino a los Goya 2026
- Dous días de folga no ensino galego con ‘marchas fúnebres’ en 15 localidades
- La Xunta autoriza la licitación del nuevo centro público de cuidados intermedios, en el Rebullón
- La ciudad roza el lleno total y «arrastra» la ocupación hotelera en Pontevedra, Baiona o Porriño
- Nuevo récord del precio de la vivienda en Vigo
- Localizado, con hipotermia, un hombre de 81 años que estuvo desaparecido varias horas
‘Vuelva usted mañana’
Igrexas reprochou que o Goberno de Caballero se instalase nun permanente ‘vuelva usted mañana’, a pesar de estar obrigado a contestar cada alegación cunha resolución motivada e individual. Lembrou a ese respecto que o propio Goberno local fixou como prazo de resposta a aprobación provisional, en decembro de 2023, e posteriormente anunciou que se efectuaría coa aprobación definitiva, o pasado 26 de maio deste ano.
Porén, as viguesas e vigueses e as entidades que alegaron contra «un PXOM elaborado na escuridade dos despachos» continúan sen recibir resposta, malia as reiteradas demandas do Bloque durante a tramitación, que cualifican de «opaca e nada participativa». Para o portavoz municipal esta demora «o único que busca é dificultar» que as persoas afectadas poidan acudir á vía do recurso contencioso-administrativo unha vez aprobado.
«Un PXOM imposto»
Dende a fronte nacionalista insistiron na importancia das alegacións como único medio para que a veciñanza poida trasladar as súas demandas, propostas e suxestións sobre o planeamento. Igrexas considerou esta falla de resposta a «demostración» de como o Plan Xeral «foi imposto ao servizo dos poderosos intereses dos de sempre polo rodete absolutista de Abel Caballero».
Igrexas criticou tamén a «estafa» de que a cidadanía viguesa non puidese alegar ao mesmo PXOM que finalmente se aprobou polos cambios introducidos «pola porta de atrás» após a aprobación provisional. Entre eles, puxo como exemplo. a «legalización do pelotazo urbanístico dos chalés VIP» de Cabo Estai ou o «arrase» de 24 mil metros cadrados de carballeira na Barroca en Navia.
«Violencia institucional»
Por último, o portavoz municipal do BNG tachou esta decisión de «pura e dura violencia institucional» por reducir a un «trámite aparencial» a exposición pública e vulnerar, na práctica, os dereitos da veciñanza e do tecido asociativo. «Un escandaloso exemplo de urbanismo de barra libre para os de sempre pola vía dos feitos consumados», remachou.






