Destacados Vigo al minuto

Dimite o equipo directivo do IES Valadares

Logo da decisión da Consellería de Educación de deixar ao centro cun docente menos

Dimite o equipo directivo do IES Valadares

O equipo directivo do IES Valadares presentou hoxe a dimisión ante a Inspección Educativa e a Dirección Territorial de Educación de Pontevedra. Esta decisión débese a que, a pesar de todos os escritos e informes presentados ás diferentes autoridades educativas, o IES Valadares disporá o vindeiro curso dun docente menos, por ocupar ese posto a segunda orientadora, «absolutamente necesaria nas nosas circunstancias».


Tamén en vigoalminuto


A realidade, apuntan os xa ex responsábeis do centro, é que as aulas son grupos de 30 alumnos/as con aproximadamente un terzo que require unha atención moi específica (síndrome de Down, TEA de diferentes graos, trastornos de conduta, discapacidade intelectual superior ao 33%, altas capacidades, discapacidade visual ou auditiva), «sen esquecer ao resto de alumnado que igualmente ten dereito a unha atención educativa digna e de calidade».

Non é posible atender un aula así

Entenden que, e así trataron de transmitirllelo ás autoridades educativas, non é posible para un docente atender de maneira realista e efectiva un aula como a descrita. «A Consellería de Educación presume de ser un modelo de atención á diversidade, pero xuntar nunha aula a alumnado diverso non é suficiente; non podemos falar de inclusión sen medios humanos para levala adiante«.

Durante estes anos «sumámonos a múltiples programas ofertados pola Consellería de Educación coa intención de enriquecer a nosa oferta e mellorar a calidade educativa». Con todo, «ningún vén acompañado de recursos humanos, senón que se nutren do voluntarismo e vocación do profesorado» o cal, adverten, leva consigo unha importante carga de traballo extra: formación, programación, memorias, xestións ou coordinacións.

«Non podemos seguir asumindo unha responsabilidade para a que nos comprometemos pero para a que non se dan os medios necesarios«

Nin horas de apoio, nin atención individualizada

«Sabemos que moitas familias escollen o noso instituto por recomendación doutros centros ou gabinetes, convencidas de que o seu fillo ou fila recibirá aquí unha atención adecuada. Pero a realidade acaba por impoñerse: non hai horas de apoio suficientes, non hai atención individualizada, non se poden aplicar todas as adaptacións, nin facer un seguimento como sería desexable».

A pesar de todo, subliñan, o profesorado traballa sen descanso, formándose, implicándose e facendo un esforzo enorme, «que nin se ve nin se recoñece». O resultado, conclúen: profesorado desbordado, familias frustradas, alumnado desatendido e un equipo directivo esgotado.

Comunicacións á Consellería, sen resposta

Ao longo deste curso o equipo de Dirección informou, en numerosas ocasións, das necesidades do centro, con entrevistas, escritos e informes detallados, solicitando máis recursos. «Informes que levan horas de traballo e non reciben resposta. Informes que só serven para encher arquivos e aumentar a burocracia, mentres a realidade do centro empeora e co resultado final hoxe coñecido: ningunha incorporación de profesorado para o vindeiro curso».

«Non podemos seguir asumindo esta responsabilidade»

«Chegados a este punto, non podemos seguir asumindo unha responsabilidade para a que nos comprometemos pero para a que non se dan os medios necesarios. A nosa dimisión é unha decisión dura, pero tamén unha denuncia: non queremos ser cómplices dun sistema que precariza a educación pública mentres finxe que funciona ben».

«Reiteramos o noso compromiso coa educación pública e co IES Valadares, ao que seguiremos vinculadas/os como docentes, colaborando en todo o que estea na nosa man».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.