O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita o modelo da Xunta para o novo Centro de Saúde Integral (CIS) Olimpia Valencia de Vigo. Así, os nacionalistas consideran unha “estafa” que este novo centro se pretenda abrir a costa de pechar os ambulatorios de López Mora e o Nicolás Peña, e sen contratar novo persoal derivando profesionais doutras dotacións sanitarias da cidade.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG, e a deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández, mantiveron este luns unha xuntanza con representantes sindicais da Comisión de Centros da área sanitaria. Nela criticaron a “mentira” do Goberno galego, que anunciara que o CIS Olimpia Valencia ía reforzar unha Atención Primaria “absolutamente colapsada” en Vigo.
«Política de recortes na sanidade pública»
“Unha auténtica estafa”, censurou Fernández, quen alertou de que esta decisión «é un paso máis na política de recortes aplicada pola Xunta do PP durante as últimas dúas décadas que vai agravar os problemas nos centros de saúde da cidade». Dende o Bloque rexistraron a ese respecto iniciativas no Parlamento galego para reclamar que se paralice o peche do Nicolás Peña e que o CIS Olimpia Valencia conte con novos profesionais.
Desprazar 105 profesionais doutros centros de saúde
“O PP de Rueda querer facer outra vez da nosa área un banco de probas dos seus experimentos, cos que xogan coa saúde das viguesas e dos vigueses”, afeou o portavoz municipal do BNG, rexeitando que queiran converter o CIS Olimpia Valencia “nunha especie de Isabel Zendal”, en referencia ao hospital madrileño que se abriu durante a pandemia derivando recursos doutros centros sanitarios.
Neste sentido, alertou de que os plans da xerencia da área sanitaria suporían desprazar 105 profesionais doutros centros de saúde, sen ningunha nova contratación, o que suporía que o Olimpia Valencia abrirá as súas portas con case un 20% menos do persoal proxectado.
Tamén en vigoalminuto
- La conselleira de Medio Ambiente asegura que Vigo recibió 4,3 millones de ayudas para la gestión de residuos urbanos
- Hacienda aprende a contar Bizum: desde 2026, todos los cobros pasarán por su lupa
- No, la baliza V16 conectada no te espía
- Una investigadora de la Universidade de Vigo, entre los galardonados en los Premios Nacionales Natac
- ‘Vientres de arena’, el documental vetado por Marruecos, se proyecta en Vigo en su camino a los Goya 2026
- Dous días de folga no ensino galego con ‘marchas fúnebres’ en 15 localidades
Centralizar a atención pediátrica
Dende o Bloque advertiron tamén dos riscos para a atención pediátrica na cidade, rexeitando a pretensión do Goberno galego de centralizar no Olimpia Valencia os servizos existentes en centros como López Mora, o Nicolás Peña, Pintor Colmeiro e Coia. “É a antesala dunha política que quere deixar de garantir, nos centros de saúde da nosa cidade, unha atención especializada para as nosas crianzas”, alertaron.
Para a fronte nacionalista urxe unha “emenda á totalidade” das políticas da Xunta na área sanitaria de Vigo, que comece por reforzar a Atención Primaria como “columna vertebral” do sistema público de saúde. Para iso, defende o BNG, debe garantirse que a apertura do CIS Olimpia Valencia veña acompañada de máis profesionais nas diferentes disciplinas.






