Galicia

O Colexio de Psicoloxía de Galicia alerta do grave deterioro do sistema de protección de menores

E apunta a «escasa vontade política e institucional da Administración galega»

O Colexio de Psicoloxía de Galicia alerta do grave deterioro do sistema de protección de menores

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresa a súa fonda preocupación pola situación crítica que atravesa o sistema de protección de menores en Galicia. Trátase dunha realidade amplamente denunciada por profesionais, organizacións sociais e medios de comunicación, que supón unha vulneración sistemática dos dereitos da infancia e da adolescencia.

Menores migrantes non acompañados

Dende o Colexio apuntan que a recente incapacidade recoñecida pola Consellería de Política Social para acoller os 317 menores migrantes non acompañados propostos no reparto do Ministerio de Infancia e Xuventude evidencia a sobresaturación dun sistema que, segundo a propia Administración autonómica, xa opera por riba das súas posibilidades.

«Un sistema infradotado e sen planificación»

Desde os equipos profesionais que traballan neste ámbito percíbese un sistema colapsado, infradotado e sen planificación axeitada, que deixa sen protección a menores en situación de risco e non garante unha atención adecuada a aqueles que xa están tutelados.

A pesar do aumento das situacións de risco e desamparo detectadas polos equipos técnicos, os recursos humanos e materiais non se teñen adaptado á demanda crecente. Isto deriva en listas de agarda para a avaliación de casos, atrasos inxustificables nas intervencións e unha atención insuficiente e desigual, dependendo do territorio.

As entidades que xestionan recursos residenciais tamén alertan da escaseza de prazas dispoñibles e do ingreso de menores con problemáticas cada vez máis complexas, sen contar cos equipos nin os apoios especializados necesarios para atendelos con garantías.


Tamén en vigoalminuto


«Escasa vontade política e institucional por parte da Administración galega»

Este panorama, subliñan os responsábeis do Colexio de Psicoloxía, é consecuencia directa dunha escasa vontade política e institucional por parte da Administración galega para priorizar a atención á infancia. A falta dunha estratexia integral, a escasa coordinación entre servizos e a precariedade dos equipos técnicos —con profesionais da psicoloxía sobrecargados, sen estabilidade e sen marxe para a intervención terapéutica— agravan unha situación xa de por si crítica.

Desde o COPG, como entidade comprometida coa defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia, «esiximos unha revisión profunda e urxente do modelo de protección, baseada nun enfoque preventivo, comunitario e centrado nas persoas menores. É imprescindible reforzar os equipos multidisciplinares cun número suficiente de profesionais, entre eles psicólogos e psicólogas, con condicións laborais dignas, tempo e medios para unha intervención de calidade».

Aumento dos recursos

Demándase tamén un incremento real dos recursos públicos que permita garantir prazas suficientes, alternativas familiares axeitadas e apoio especializado continuado. Estas medidas deben integrarse nunha estratexia para a infancia e a adolescencia, dotada orzamentariamente e co liderado compartido entre administracións, profesionais e entidades do terceiro sector.

As nenas e nenos baixo protección non son cifras nin expedientes. Son persoas cuxo desenvolvemento emocional, físico e social está en xogo. Non podemos seguir mirando para outro lado mentres un sistema colapsado deixa sen resposta a quen máis o precisa.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.