Marcos Amado Rodríguez, «Santiso», musicólogo*/ Rubén Reinaldo (Vigo, 1986) acaba de publicar Fusión Olívica, o seu segundo álbum de estudo, tamén segundo título no recoñecido selo discográfico galego Free Code Jazz Records, fundado por Paco Charlín en 2006 e especializado en jazz do país.
Despois dunha primeira e emocionante proposta, Acuarel (2020), disco de jazz conceptual gravado a dúas guitarras con Kely García, a nova creación do guitarrista vigués transita as diversas paraxes e paisaxes galegas a través das refrescantes melodías que este compositor adica aos lugares e persoas que nutriron a súa vida, a medio camiño entre Vigo e o interior galaico.
Oito temas fascinantes, eléctricos á vez que intimamente cálidos, brevemente prologados polo autor no álbum. O compositor de Acuarel estrutura este novo traballo, do mesmo xeito que o anterior, a través dunha liña conceptual: mentres aquel levaba como fío condutor as augas galegas, humorosas cores contidas na paleta acuarelada, neste segundo disco os temas preséntansenos como os tenros brotes das verdes oliveiras.
Reinaldo mantén no proscenio a improvisación, elemento nuclear da súa voz musical
Non son as únicas liñas de continuidade con Acuarel: Reinaldo mantén no proscenio a improvisación, elemento nuclear da súa voz musical, así como a marcada importancia da interacción entre os instrumentos, acadando así un verdadeiro diálogo cos instrumentistas, que non se ven reducidos neste álbum a meros acompañantes.
Mais presenta Fusión Olívica novas liñas de traballo: o máis salientable sería o formato, un pintoresco cuarteto de jazz, marabillosamente ben acompañado por Gustavo Hernán ao contrabaixo, Antonio López «Monano» ao hammond e David Failde ás baterías, nun disco que pasa daquel hard bop e jazz contemporáneo de Acuarel a explorar xéneros como o latin ou a bossa nova.
O disco abre con Escuchas, Teis Blues, un latin blues dinámico, cunha melodía concisa e incisiva, que van tomando os instrumentos como se das voces que se aglomeran no mercado do barrio se tratase. Tema enérxico, cheo de vitalidade, incansable, como a propia xente do barrio.
A Vigo, con mis cinco, segundo tema do disco, subimos ata a West Coast cun jazz en compás de 5/4 deciso, que narra o que para o guitarrista e os seus socios foi o salto ao baleiro, a creación da academia de música Musikenza, en 2022. Unha improvisación máis vertixinosa, cun contrabaixo espectacular, arriscado, que non deixa indiferente a ninguén.
Vida en Padrena aparécese como o terceiro tema, afastámonos da cidade olívica para achegarnos ao concello ourensán e ás lembranzas que o guitarrista mantén deste. Un tema máis íntimo, tradicional; uns arranxos finísimos, unhas harmonías sagaces acompañadas dunhas melodías amables que, enmarcadas no jazz funk, chegan a lembrar ao fusion xaponés. Alegría, movemento, lembranzas doutras épocas con infinitas posibilidades por diante…
Tres Islas Cíes como cuarto tema, Reinaldo constrúe nun modern jazz un valse ternario evocando «a gran trindade» das Cíes. Exquisito paisaxe que nutre unha música fresca, contemporánea, intrépida á vez que equilibrada.
Superada a metade do disco, Latino Ribas de Sil aparece como a homenaxe ás terras lucenses, infancia do guitarrista, cun latin jazz completamente atípico –para ser xustos, ningún tema é paradigma da denominación escollida polo guitarrista–. Tema intrépido, cunha melodía que rememora a aquela do Escuchas, Teis blues, e que vai tomando forza a medida que se desenvolve, chegando a converterse nun intenso punto climático no álbum.
Nubossa Bahía como sexto tema. Unha bossa nova tradicional; plácida e intimista, como a define o compositor, baseada nunha ponte de Rande verniana. O etéreo, denso, nebuloso da harmonía inicial é rapidamente disipado polas melodías dunha guitarra que respira o aire xa renovado da ría, un aire fresco co que non por casualidade remata a peza, nunha elaboración próxima ao free jazz.
Café y Cristina é sen dúbida das pezas máis interesantes do álbum. O sétimo tema é a homenaxe á súa compañeira de vida, cunha música de jazz fusion que é, en palabras do guitarrista, «espontánea y dinámica […] un tema divertido, cálido e irregular», eternamente sorprendente. A enerxía e a vitalidade que desprenden os músicos, xunto coa audacia das improvisacións non é igualada en ningún tema anterior. Un tema tan curto como intenso: en menos de tres minutos preséntase unha música ritmicamente esixente, cunhas improvisacións arriscadas e imprevisibles, mais cálidas en último termo.
O gran peche do disco teno Ritmo sobre Victoria, un jazz neo soul atrevido, intelixente e moderno, como a homenaxeada neste tema, avoa do compositor. Unha peza con moito grove e moitas texturas sónicas, e con abundantes espazos de respiración. Acordes que conforman universos sonoros e melodías modais que os enriquecen. Unha composición moi actual, perfecta como peche para un traballo coma este.

O título de «Fusión» non é un reclamo baleiro
Fusión olívica é un álbum que destila espontaneidade e adaptabilidade. Non hai dous temas minimamente semellantes, nin son, como sinalei antes en Latino Ribas do Sil, sinxelamente inscritas nun único xénero musical. O título de «Fusión» non é un reclamo baleiro, é unha constatación que ofrece o guitarrista do seu traballo. Sobre iso, a improvisación, sempre presente, atrevida, refrescante, dota ao álbum dunha lozanía –imposible de adxectivar mellor– inusitada.
Equilibrar a continuidade musical coa versatilidade e aínda así manter ese fulgor de espontaneidade e de frescura é unha aptitude pouco frecuente. Rubén Reinaldo, capitán de navío polifónico que navega máis alá do horizonte azul, reafirma con este disco unha madurez artística que xa propugnara co seu primeiro traballo. Meritorio ademais defender un segundo coa sombra omnipresente daquel primoxénito extraordinario.
Non me queda máis que felicitar aos músicos por tan ímprobo traballo, un agasallo musical a Galicia en xeral e a Vigo en particular, e agardar pacientemente á presentación en directo do álbum.
O álbum pode atoparse nas principais plataformas dixitais, e pode mercarse tanto dixitalmente en rubenreinaldo.bandcamp.com como en físico en Musikenza (Rúa Ponte da Veiga n.º10). Para maior interese, as redes do guitarrista son o blog rubenreinaldo.blogspot.com e o instagram rubenreinaldovigo.
- Marcos Amado Rodríguez, «Santiso» (Ponteareas, 1999). Musicólogo. Comezou os estudos en guitarra moderna e continuou a súa formación musical na Universidade de Oviedo, no grao en Historia e Ciencias da Música, e posteriormente acadou un mestrado na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo. Na actualidade realiza o doutoramento en Historia da Arte e Musicoloxía na Universidade de Oviedo, cunha investigación centrada no teatro lírico de Reveriano Soutullo y Juan Vert século XX, simultaneamente ao mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Compaxinando coa súa traxectoria académica, desenvolve e participa en diversos proxectos musicais e musicolóxicos.