Cultura

O público esgota todas as entradas dispoñibles para Sinsal SON Estrella Galicia 2025

O festival ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha programación con 21 concertos e 15 sesións musicais

O público esgota todas as entradas dispoñibles para Sinsal SON Estrella Galicia 2025

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para a súa nova edición, que terá lugar do 25 ao 27 de xullo na illa de San Simón. O atractivo do evento, que reside tanto na calidade e singularidade da proposta musical agochada no seu cartel secreto -que o público só descubre ao desembarcar- como nunha extensa programación paralela para coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago, fan que todos os anos os billetes do evento se vendan con antelación. 

21 concertos de bandas e artistas

A nova edición de Sinsal na illa de San Simón contará con 21 concertos de bandas e artistas chegadas de catro continentes diferentes: 17 das actuacións serán estreas en Galicia e 12 en España. Ademais, o público poderá gozar cada xornada en escenarios alternativos de tres sesións de DJs (tanto das audicións Malmequeres como de dous dj set -que se poderán escoitar tanto ao principio como ao final de cada día-) e, tanto o sábado 26 coma o domingo 27, de tres pases diarios da Orquesta Clásica de Vigo

En total, Sinsal SON Estrella Galicia contará con máis de 15 actividades paralelas, das cales xa se coñecen as enmarcadas n’A Escola Sinsal e na liña Descubre San Simón. 

Se ben o primeiro dos eixos propón divulgar e recuperar a memoria sonora do século XX a través das audicións Malmequeres, dos concertos da Clásica e das gravacións das Sesións San Simón con Aleks Kolkowski, ou mesmo da exposición de cómic sobre a historia da música gravada en Galicia (que este ano se ampliará ata chegar a 16 personaxes e, como principal novidade, poderase visitar a ceo aberto),  o segundo propón coñecer o patrimonio natural, cultural e histórico do arquipélago  mediante visitas guiadas con Xosé L. Faílde e integrantes da asociación Amarturmar, cun roteiro independente ou co obradoiro creativo Caderno de bitácora impartido por Arte & Garabato. Ademais, nos vindeiros días daranse a coñecer as actividades vinculadas á gastronomía en colaboración con empresas de proximidade, propostas que se iniciaron na pasada edición e que gozaron de grande éxito entre as e os asistentes ao festival.

Sinsal Son Estrella Galicia

Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que visualiza as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional. Cada verán ofrece na illa de San Simón unha pequena mostra dos proxectos musicais máis estimulantes de formacións que proceden de Europa, África Asia ou América. A diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres e un fondo compromiso co medio ambiente e a igualdade son os sinais de identidade dun festival cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca en San Simón. 


Tamén en vigoalminuto


Desde 2022, é o festival galego de música mellor valorado polas profesionais da Cultura no país, recoñecemento que se suma aos recibidos, nos útimos anos, pola súas políticas innovadoras en relación tanto á sostibilidade ambiental como social -segundo o mesmo informe da Fundación Contemporánea de 2024, Sinsal sitúase como a sexta iniciativa cultural a nivel estatal máis comprometida a nivel social e co desenvolvemento sostible-. Neste sentido, ademais, Sinsal atesoura múltiples galardóns, como son o Premio Nacional dos Iberian Festival Award de Contribución á igualdade no 2023 ou Premio FEST á Sostibilidade ambiental no mesmo ano, distintivo que reforza o que xa recibiu no 2019 (Festival máis sostible) ou no 2015 (Mellor Festival de Pequeno Formato). 

Sinsal SON Estrella Galicia é un festival organizado e producido pola promotora viguesa Sinsalaudio e que conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal. O evento ten o apoio institucional tanto da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como da Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas -enmarcado nos Rías Baixas Fest-.

Te podría interesar