Destacados Vigo al minuto

Chaman á ‘reconquista’ de Toralla, «por terra, mar e aire»

Centos de manifestantes chegan á illa andando e polo mar

Centos de veciñas e veciños acudiron este sábado a convocatoria das asociación veciñais das parroquias viguesas de San Miguel de Oia e de Coruxo, máis as organizacións ecoloxistas Ecoloxistas en Acción e Greenpeace para reclamar a recuperación da illa de Toralla como espazo público. Parte dos manifestantes chegaron á illa andando pola ponte de acceso desde a praia do Vao e outra parte en embarcacións desde o peirao de Canido.

Ao arribar a orilla da illa de Toralla as manifestantes despregaron unha pancarta de vinte metros de longo na que se podía ler «Únete á reconquista de Toralla», un convite á cidadanía viguesa para que reclame a illa para a cidade. Seguidamente, voceiros das asociacións veciñais leron un manifesto e colocouse unha bandeira de Vigo para simbolizar a Reconquista.

«Pedimos ao Alcalde que se posicione claramente a prol da recuperación da illa de Toralla para o pobo de Vigo e que emprenda accións legais para poder acceder ao interior da illa, ademais do acceso ao litoral«, declarau a voceira ecoloxista mentres clavaba a bandeira de Vigo na area de Toralla.

Más de 10 hectáreas

Cunha superficie de algo máis de 10 hectáreas, «a illa de Toralla foi obxecto dunha absoluta especulación urbanística dende a década de 1960, en base a intereses empresariais privados. Un claro exemplo da cultura do pelotazo. Nese tempo comezouse a urbanizar a Illa. Fíxose a ponte e ao comezo desta púxose un valo e un vixiante que só permitía o seu paso a propietarios ou persoas autorizadas. A urbanización do illote continuou, destacando o horrible edificio de 21 pisos e 70 metros de altura que se pode ver dende calquera punto da ría. A Lei de Costas 22/1988, do 26 de xullo, establece límites que nunca se cumpriron. Despois viría a modificación coa Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, que segue sen cumprirse e a Illa de Toralla permanece restrinxida ao paso público«.

«Unha barreira e un vixiante ao final da ponte impiden hoxe o acceso de vehículos e peóns ao interior da illa de Toralla. A decisión parte dos privilexiados propietarios da trintena de chalets que existen na illa e que non superan os 170 veciños e veciñas e da vista gorda das autoridades. Unha prohibición sen sustento legal. Asemade, as ampliacións realizadas por algúns dos seus habitantes nos seus terreos e propiedades, ocupando parte do bordo litoral, impiden o paso de persoas».


Tamén en vigoalminuto


Non se cumpre a servidume de tránsito

Por iso, denuncian, veciñanza e ecoloxistas, que a servidume de tránsito non se cumpre na Illa de Toralla. Tampouco a servidume de acceso ao mar que se establece en varios puntos ao longo da costa para garantir o acceso público e de balde ao mar. 

A lexislación vixente recolle que calquera persoa pode chegar ata a ribeira do mar a pé. Pero a realidade é que «aos visitantes só se lles permite acceder aos areais situados a ambos os dous lados da ponte». A norma contempla restricións ás leiras limítrofes co dominio público marítimo-terrestre, para garantir o libre paso dos cidadáns e vehículos de vixilancia e salvamento. Ademais da zona que pertence ao dominio público, a lexislación sinala que o terreo inmediato á ribeira do mar que non é parte de dominio público tamén está afectado por unha serie de servidumes. 

Recuperación o acceso ao litoral da illa

Veciñanza e ecoloxistas consideran unha boa nova o anuncio do Ministerio de que xa está en estudio realizar unha actuación para recuperar o acceso o litoral da illa. Pero lembran que en 2008 a concelleira Elena Espinosa, daquela ministra de Medio Ambiente, intentou infructuosamente a realización dunha senda peonil ao redor da illa. Por iso, lle piden que non se dea por vencida e que relance a «reconquista « de Toralla desde o Concello de Vigo.

As organizacións veciñais e ecoloxistas sinalan que existen varios pronunciamentos por parte da Xustiza sobre o peche da Illa de Toralla. En outubro de 1997, o Tribunal Supremo rexeitaba o recurso presentado polos residentes particulares da illa que pedían a exclusividade do uso e goce da ponte e as súas praias. A sentenza deixaba claro que en base á Lei de Costas os propietarios deberían ceder para dominio público seis metros de terreo a partir da máxima pleamar rexistrada.

«En definitiva, estamos ante un longo problema de incumprimento legal en relación a dominio público marítimo-terrestre ao que debe poñérselle fin. É un espazo público pero que na práctica utilízase como reserva privada de forma ilegal».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.