Imaxe: Arancha Brandón/ Fillas de Cassandra dará a coñecer esta fin de semana o seu novo EP, Hibernarse, nunha presentación exclusiva que terá lugar este venres 27, a partir das 21.00 horas, no MARCO de Vigo. Os convites para asistir ao directo, organizado da man da Fnac, xa están esgotados; mais aínda é posible conseguir entradas para o concerto que se celebrará na Coruña ao día seguinte, o sábado 28, na Fundación Luis Seoane ás 20.00 horas, previa reserva do vinilo na tenda Fnac da cidade herculina.
Hibernarse é un proxecto multiformato e singular que versa sobre a construción social do tempo a través de distintas disciplinas artísticas. Un EP, un videofilme, un fanzine, unha colección de xoias (elaborada por Toda Frágil) e unha nova sorpresa que se dará a coñecer mañá pola noite’ conforman un universo no que María SOA e Sara Faro fan un chamado sobre a pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
Novo traballo
O novo traballo discográfico de Fillas de Cassandra, producido por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e por elas mesmas, é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado devagar polas artistas, que irromperon con forza no panorama musical galego coa publicación do seu aclamado álbum debut, Acrópole (2023, Tremendo Audiovisual). Após dous anos de crecemento como grupo e con máis dun cento de concertos ás costas, o dúo pecha esta etapa, antes de facer un descanso, coa presentación de Hibernarse.
Nesta Noite no Museo con Fnac, María SOA e Sara Faro interpretarán os catro temas do novo EP –feito a man, arderse, quebrantarse e hibernarse-, ademais de conversar co público sobre o proceso creativo do disco, as temáticas e todo o universo do que se compón Hibernarse. As artistas estarán acompañadas por dous instrumentistas e vestirán o espazo para presentar ao público a súa particular busca «dun novo traxe».
Otras noticias
- Galicia pecha 2025 con 96 mortos nas estradas, seis máis que o ano anterior
- Colectivos sociales cuestionan el dispositivo de frío del Concello
- Vigo dispondrá de un nuevo ‘corredor mecánico’ entre Travesía y Aragón, con tres rampas
- Redondela recicla case 48 toneladas de roupa usada
- A Xunta rexeita a subida do Salario Mínimo
- El BNG pide conocer el precio y los beneficios de que Vigo sea sede del Mundial 2030
NOITE NO MUSEO | FILLAS DE CASSANDRA
Data e hora:Venres 27 de xuño, ás 21.00 horas
Lugar: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo






