O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de pedir a dimisión do concelleiro de Deportes, Manel Fernández -unha demanda que secundarían moitos clubes e entidades- se é incapaz de solucionar o “abandono que padecen as instalacións deportivas en Vigo”. A fronte nacionalista reclama actuacións urxentes que atendan as numerosas queixas veciñais polo estado deficiente de pavillóns e ximnasios municipais e polos continuos peches inxustificados nos últimos meses.
Incompetencia
“O señor Fernández está xa nunha disxuntiva inevitábel: ou actúa e rectifica ou dimite”, interpelou o concelleiro do BNG, Filipe Abalde, asegurando que esta situación “colmou a paciencia” das viguesas e vigueses que “non poden seguir aturando tanta incompetencia” á fronte da política deportiva do Concello de Vigo.
Dende o Bloque van solicitar a comparecencia do edil de Deportes na Comisión Informativa convocada o vindeiro luns con dous obxectivos. Por un lado, explicou Abalde, para que ofreza respostas diante das reivindicacións de veciñanza, usuarias e usuarios e clubs da cidade que esixen un xiro de 180 graos na xestión das dotacións deportivas. Por outro, para reclamar que se poña punto e final ao proceso de privatización das instalacións municipais, rexeitado dende o primeiro momento polas nacionalistas.
Abandono
O concelleiro do BNG enumerou algúns exemplos do abandono que presentan as instalacións deportivas, algunhas delas “caendo a pedazos dende hai anos facéndoas impracticábeis”: o estado ruinoso das pistas de atletismo, a falla de iluminación no campo da ETEA, as deficiencias nas piscinas municipais co feche desde hai 3 anos en Teis, e o mal estado dos pavillóns, moitos deles con problemas estruturais e pingueiras.
Peches e privatización
A este mal estado, Abalde sumou a “incapacidade” do Goberno local para incluso a apertura de ximnasios como o Carme, o Berbés e as instalacións de Samil, que nos últimos meses rexistraron peches alegando falla de persoal para atender os recintos deportivos. Unha situación que, a xuízo do Bloque, busca xustificar unha paulatina privatización do servizo, como ocorreu antes con outras dependencias municipais.
Lembrou que estas demandas foron reiteradas polo propio BNG nos últimos anos, entre elas, con iniciativas como unha ampla batería de emendas aos orzamentos municipais deste ano reclamando un incremento de 770.000 euros para o mantemento, mellora e equipamento das instalacións deportivas da cidade. “A todas esas propostas a maioría absolutista de Caballero dixo non”, afeou o concelleiro do Bloque.
Tamén en vigoalminuto
- O Concello de Covelo remata as obras de mellora do Cemiterio de Casteláns
- Piden a dimisión de Manel Fernández, concelleiro de Deportes
- Si estás haciendo el Camino, no cargues con nada
- ‘Bandeira Negra’ dos ecoloxistas para a Illa de Toralla
- Unos piragüistas recuperan el cuerpo de un hombre, cerca de una playa de Boiro
- Personal del Concello alerta del estado “insalubre y peligroso” de las instalaciones municipales
Devolución de cotas
Outra das medidas reclamadas pola fronte nacionalista é a devolución das cotas a todas as persoas usuarias dos ximnasios do Carme, do Berbés e de Samil para “compensar as molestias por non poder facer uso en condicións“. Aliás, esixiu que que non se cobre “nin unha soa cota máis” mentres non se garanta a apertura e os arranxos nestas dotacións deportivas. “É un escándalo que o Goberno municipal cobre ás viguesas e vigueses por instalacións que non poden usar“, remachou.