Galicia

Este mércores podes descargarte o ‘Bono Activa Comercio’

Mira como obter un descontos de ata 30€ nas túas compras

Mira como obter un descontos de ata 30€ nas túas compras

O presidente da Xunta anunciou hoxe que o Goberno galego activará este mércores unha nova edición dos bonos Activa Comercio. Esta iniciativa contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para descontos de ata “30€ por beneficiario” coa previsión de mobilizar en vendas arredor de “8,5 millóns de euros”. As bases para as persoas usuarias publicaranse mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), co fin de que poidan descargar os bonos “esta mesma semana”, a partir do mércores 4 de xuño.

En total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros durante 2025 a esta campaña, co obxectivo de fortalecer a economía de proximidade.

Como novidade, este ano a adhesión dos establecementos á campaña —cuxo prazo abriu o pasado martes 20 de maio—realizarase unha única vez para todas as edicións, o que reflicte así o compromiso da
Xunta coa simplificación administrativa e cun modelo de xestión máis áxil.

Desde a súa posta en marcha no ano 2021, o programa permitiu mobilizar “preto de 100 millóns de euros” no comercio retallista galego. Só no ano 2024, a Xunta destinou 7,5 millóns de euros en descontos, que impulsaron 600.000 transaccións comerciais nas catro provincias, o que xerou un volume de vendas de arredor de 34 millóns de euros nos máis de 7.500 establecementos adheridos.

Funcionamento da campaña

A partir de este mércores 4 de xuño ás 09: 00 horas, as persoas consumidoras interesadas poderán descargar un bono desconto de 30€ na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos —que poden seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria—.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra.

  • Ás compras iguais ou superiores a 20€ e inferiores a 30€ corresponderalles un desconto de 5€
  • A rebaixa será de 10€ para as compras iguais ou superiores a 30€ e inferiores a 50€
  • A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15€

Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición da iniciativa en 2025. Non hai límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo que non se teñan consumido na súa totalidade.

Te podría interesar