Comarcas

O Plan +Provincia mobiliza esta semana preto de 2,5 millóns, para 16 concellos

Destinou xa 34,5 millóns de euros ás vilas de menos de 50.000 habitantes

O Plan +Provincia mobiliza esta semana preto de 2,5 millóns, para 16 concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 2,5 millóns de euros para que Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Covelo, Forcarei, Fornelos de Montes, A Guarda, Lalín, A Lama, Meis, Ponte Caldelas, Redondela, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente a través das dúas primeiras liñas do Plan +Provincia 2025.

O presidente provincial, Luis López, lembrou que a Deputación xa leva “distribuídos 34,5 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Bueu e Salvaterra

Dos recursos aprobados en Xunta de Goberno 2,4 millóns de euros da liña 1, de investimentos, irán para 15 concellos. Desta maneira, Bueu recibirá 224.951,39 euros para completar o financiamento para executar o novo parque urbano Lugrís, que xa recibira recursos do Plan Extra por valor de 700.000 euros de xeito que o goberno provincial financia integramente a actuación, cun orzamento de máis de 900.000 euros.

Do mesmo xeito acontece con Salvaterra de Miño, que recibe 138.400 euros para a recuperación do espazo peonil da contorna da ermida de San Roque de Cabreira para a que a institución provincial xa destinara 415.600 do Plan Extra, completando, así, o 100% do orzamento da actuación que ascende a 554.000 euros, e 353.855 para a pavimentación de rúas.

Caldas, Catoira, Cambados e Covelo

Ademais, e no marco da liña 1, Caldas de Reis recibe 640.588 euros para o saneamento de San Clemente; Cambados 138.052 euros para a pavimentación de camiños municipais; Catoira 21.544 euros tamén para pavimentación; Covelo 147.553 euros para o acondicionamento da Reitoral de Barciademera.


Tamén en vigoalminuto


Forcarei, Fornelos, A Guarda e Lalín

Forcarei 223.022 euros para mellorar rúas en Vilariño e Acevedo; Fornelos de Montes 45.620 para o ensanche e a mellora do camiño da Freixa en Cabreira, Ventín; A Guarda 157.376 euros para a reforma interior da planta primeira do edificio antigo do Concello para biblioteca; Lalín 31.000 euros para a mellora de camiño en Carracedo, San Paio.

A Lama, Meis e Ponte Caldelas

A Lama 38.324 euros para a subministración dun camión para a recollida separada de biorresiduos e 25 colectores para a vía pública; Meis 72.000 euros para a pavimentación de varios camiños municipais; Ponte Caldelas 303.450 euros para a construción dun parque infantil e de calistenia.

Silleda, Tomiño e Redondela

Silleda recibirá 35.000 euros para a reforma e ampliación da Casa da Cultura de Abadas e Tomiño 460.750 euros para a mellora de camiños municipais. Pola súa banda, Redondela recibirá 103.250 euros da liña 2, de gasto corrente, para financiar o servizo de xestión tributaria, censal, inspectora, catastral e de recadación de impostos do concello.

Te podría interesar