Galicia

ADEGA e a PDRA inician os trámites para levar ao xulgado a autorización da Xunta ao proxecto de Altri

Presentan recurso de Alzada polo silencio administrativo de Augas de Galiza á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas

ADEGA e a PDRA inician os trámites para levar ao xulgado a autorización da Xunta ao proxecto de Altri

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e a PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) anuncian o inicio de accións legais conxuntas para evitar a construción do proxecto de macrocelulosa de Altri-Greenfiber na Ulloa.

Aínda que os trámites administrativos da factoría non están rematados e a instalación carece arestora dos permisos necesarios (Autorización Ambiental Integrada, Concesión de Augas e aprobación do Consello da Xunta) as irregularidades na tramitación do proxecto” e, particularmente na concesión de augas, “dan pé ás nosas organizacións a acudir xa á vía xudicial”, indican as dúas ONG nunha nota.

Arquivo do expediente de concesión de augas

A vía elixida é a presentación dun recurso de Alzada, condición previa ao contencioso xudicial, polo silencio administrativo de Augas de Galiza á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas procedentes do río Ulla con destino a uso industrial, solicitada por Greenfiber S.L.

Na tramitación da concesión de augas solicitada por Altri (46.000 m3/día), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, tralos cales a solicitude entenderase desestimada. O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o BOP da Coruña (nº 227) publicou o Anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galiza Centro, da apertura do trámite de competencia de proxectos da solicitude con clave DH.A36.88645. Xa que logo, “o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, dezaoito meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial”.

Consecuentemente, ADEGA e a PDRA solicitaron en febreiro á Directora de Augas de Galiza que declarara de caducidade do procedemento, sen termos recibido a día de hoxe, máis de 3 meses despois, resolución expresa. “Xa que logo, a petición ficou desestimada por silencio administrativo, acto este que vimos de recorrer en Alzada e, fronte a un eventual novo silencio ou desestimación, devirá nunha demanda pola vía contencioso-administrativa”.


Tamén en vigoalminuto


As dúas asociacións salientan que esta acción é posíbel grazas á campaña de recadación solidaria “Xustiza para o Ulla”, que no seu reto inicial acadou en apenas 20 días os 39.000 € necesarios para sufragar as primeiras accións xurídicas contra Altri. 

Te podría interesar