Cultura

A previa do Festival de Cans arranca este sábado co filme «Utama»

E a inauguración da exposición sobre Alfredo Bautista «Reisiño»

Festival de Cans quenta motores cunha programación previa que mestura cinema internacional, música galega de raíz e memoria histórica. A primeira gran cita será a proxección da fermosa longametraxe Utama (2022), do director boliviano Alejandro Loayza Grisi, a súa obra debú coa que foi premiada en Sundance en 2022.

O director presentará esta obra a través de videoconferencia, e a partir do xoves 22 estará presente en Cans. A proxección terá lugar o sábado 17 de maio ás 18:00 h no Centro Cultural do Porriño, con entrada gratuíta ata completar o aforo.

Estreada no Festival de Sundance, Utama gañou o Gran Premio do Xurado na World Dramatic Competition e acumulou máis de 40 premios en máis de 80 festivais internacionais. Foi nomeada aos Goya 2023 como Mellor Película Iberoamericana e destacou nos Premios Platino, onde gañou Mellor Música e Mellor Fotografía. A historia transcorre no altiplano boliviano, onde unha parella de anciáns quechuas enfróntase a unha decisión vital durante unha seca extrema: resistir ou marchar.

Exposicións en Cans e memoria histórica

Outro dos momentos destacados da fin de semana será a inauguración da exposición «Reisiño, o prisioneiro debuxante», comisariada polo historiador Alberto Alcalde, que terá lugar o sábado 17 de maio ás 20:00 h no Círculo Recreativo Cultural.

Esta mostra rende homenaxe a Alfredo Bautista Alconero, coñecido como «Reisiño», veciño do Porriño, deportista, debuxante e preso político tras o golpe de Estado de 1936. «Reisiño» foi condenado a prisión na illa de San Simón, onde estivo encarcerado, e destacou pola creación de caricaturas dos seus compañeiros presos, testemuñas gráficas da represión e tamén da humanidade que sobreviviu no encerro.

Reisiño, ou Señor Rey como era coñecido no Porriño, deixou fonda pegada entre xeracións de deportistas. A exposición recupera parte dos debuxos orixinais que fixo na Illa de San Simón e lembra o seu percorrido vinculado á formación de deportistas ou á política.

A exposición, organizada no marco do compromiso do Festival de Cans coa memoria democrática, poderá visitarse durante todo o festival. O martes 20 de maio ás 17:00 h ofrecerase unha visita guiada especial con familiares e persoas que coñeceron persoalmente a Reisiño, e antes da proxeción do documental «Aillados», coa presenza do director Antón Caeiro, no que Reisiño é un dos protagonistas centrais, e das primeiras imaxes de «San Simón», o filme aínda inédito do cinesta Miguel Ángel Delgado.

Tras a inauguración da exposición, a artista Zeltia Irevire ofrecerá unha actuación musical do seu característico «folk trival», patrocinada polo Círculo Recreativo Cultural como apoio a esta xornada previa do festival. A actuación, na terraza do CRC será aberta a todo o público.

Tamén este xoves inauguraranse nas rúas do Porriño as exposicións «Cans Debuxa» e o obradoiro «Pintando Cans», con debuxos de cine realizados polos estudiantes de primaria de Porriño con motivo do festival.


Tamén en vigoalminuto


Entradas esgotadas para as actividades paralelas

A programación paralela rexistrou un gran éxito de público, con todas as entradas esgotadas desde hai semanas para actividades como a actuación de Mondra musicando en directo o filme Miss Ledya, o concerto da gaiteira Susana Seivane, e a actuación performativa de Lúa Mosquetera.

Quedan á venda as últimas entradas para as proxeccións nos jalpóns e para as diferentes categorías da Sección Oficial de curtametraxes, que se celebrará o sábado 24 de maio. A categoría Ficción e Animación está a piques de esgotarse. No caso da categoría Furacáns, aínda quedan entradas, unha opción ideal para quen queira combinar o visionado coa oferta de actividades paralelas, xa que se trata dunha categoría curta e áxil. A venda online pechará en 5 días.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.