Comarcas

Nova vida para os parques do Porriño

Con melloras nos de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño

Nova vida para os parques do Porriño

O Concello do Porriño vén de poñer en marcha un plan de renovación e mellora que afecta a cinco parques infantís e unha área biosaudable repartidos por distintas parroquias do municipio. Estes traballos, que teñen un prazo estimado de execución de seis meses, contan cun orzamento total de 74.300 euros, dos cales 10.900 euros proceden de fondos propios do Concello, e o resto está financiado a través do Plan + Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

“Estas actuacións responden a un compromiso firme do goberno municipal coa seguridade e benestar das nosas familias, especialmente dos máis pequenos”, subliña o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen destacou que os parques infantís son espazos clave para o desenvolvemento físico, emocional e social da infancia.

Pavimentos, xogos, valados e novo equipamento

As actuacións incluirán a instalación de novos pavimentos amortecedores de impacto, a restauración de xogos danados, a renovación de valados perimetrais e a incorporación de novo equipamento biosaudable. Ademais, todos os espazos contarán con carteis informativos que recollerán datos como as idades recomendadas, teléfonos de contacto para mantemento e emerxencias, e normas de uso que garantan un lecer seguro e responsable.

Cans, Torneiros, Mosende e Budiño

Os traballos abranguen espazos localizados nas parroquias de Cans, Torneiros, Mosende e Budiño.

  • No caso de Cans, realizaranse melloras tanto no parque da Graña como no do Río  Couso, con especial atención á renovación do pavimento e á reubicación dos elementos biosaludables.
  • En Torneiros actuarase tanto no parque infantil da Fase I, onde se renovará o valado perimetral e a cancela de acceso, restauraranse os elementos de multixogo e instalaranse porterías antivandálicas, como tamén no parque do Alba, onde se substituirán os actuais elementos da área biosaudable por outros novos
  • No parque da Costeira, en Mosende, acometerase unha mellora integral que inclúe a substitución da valla, o acondicionamento do terreo e a instalación de céspede artificial.
  • Finalmente, en Budiño, no parque da Forna, renovarase completamente a área infantil cun novo deseño de espazo e equipamento, ademais da mellora da superficie e dos bordos.

Tamén en vigoalminuto


Maquinaria

En paralelo ás obras de mellora, o Concello do Porriño tamén vén de investir na adquisición de nova maquinaria co obxectivo de reforzar o mantemento regular destas áreas. Neste sentido, realizouse unha compra por un importe total de arredor de 19.700 euros, que inclúe un cortacéspede profesional con tracción total e un remolque de grandes dimensións equipado con freos, ramplas e estrutura reforzada. Esta nova dotación permitirá ao servizo municipal de mantemento actuar con maior eficacia e garantir o bo estado das áreas de xogo durante todo o ano.

“Queremos que todos os nenos e nenas do Porriño, vivan onde vivan, conten con áreas de xogo seguras, modernas e accesibles. Esta é unha aposta decidida pola igualdade de servizos e pola mellora do espazo público en todo o termo municipal”, salienta o alcalde.

Te podría interesar