Galicia

O Festival de Cans comeza a rodar

A XXII edición será do 20 e 24 de maio coa proxección de 120 obras e 40 estreas

O Festival de Cans comeza a rodar

A aldea de Cans xa respira ambiente de festival. Esta mañá celebrouse no Torreiro o acto de presentación oficial do XXII Festival de Cans, que terá lugar entre os días 20 e 24 de maio, reunindo unha vez máis o mellor do cinema galego e estatal nun dos eventos culturais máis singulares do país.

O acto contou coa participación do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; do director da AGADIC da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; así como de representantes das principais empresas patrocinadoras, como Cristina Canosa por Estrella Galicia, Melisa Pagliaro por Gadis e Ana Rus por Lonza. Tamén estiveron presentes a actriz Isabel Blanco e o director do festival, Alfonso Pato.

No acto, Alejandro Lorenzo, destacou o papel do festival como motor cultural e social, “Cans é un espello no que se amosa o mellor da nosa comunidade. Non é só un festival, é parte do noso ADN como concello. É identidade, dinamismo local e compromiso colectivo”, apuntou o alcalde.

Lorenzo saientou o carácter integrador do festival, que transforma espazos cotiáns en escenarios de cine: aquí a cultura nace das casas, dos galpóns, dos camiños e do corazón da xente. Esa conexión co territorio é o que fai de Cans algo irrepetible.”

A “potencia cultural” das Rías Baixas

Na mesma liña, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca o impacto que os festivais audiovisuais que se celebran na provincia baixo a marca Rías Baixas Film Fest, patrocinada
polo organismo provincial, teñen nunha oferta de calidade e descentralizada coma a das Rías Baixas, “unha potencia cultural”.

O presidente provincial subliñou que Cans “é un festival que vai no espírito que estamos a promover desde a Deputación: Un paraíso natural ligado á cultura os 365 días do ano e coa que queremos chegar a todos os recunchos da provincia”.

Alfonso Zarauza, Nerea Barros, Uxía Senlle e Adriano Campos

Así mesmo, o acto serviu tamén para lembrar os homenaxeados desta edición, catro figuras que encarnan á perfección o espírito do Festival de Cans. O director Alfonso Zarauza será distinguido co Premio Pedigree pola súa traxectoria exemplar no cinema galego. Tamén recibirán os Chimpíns de
Prata
a actriz e directora Nerea Barros, a artista Uxía Senlle e Adriano Campos, o veciño máis lonxevo da aldea, memoria viva do lugar, colaborador nos documentais colectivos do festival, membro do xurado veciñal e actor veterano da Compañía Fontevella.

Máis de 150 actividades

Nesta XXII edición, o festival ofrecerá máis de 150 actividades, con seccións que apostan pola creación colectiva, a memoria e o talento. A programación inclúe actos tan emotivos como a inauguración da Rúa Efémera Cruz Risco; a homenaxe ao Can de Pedra e á veciña Alicia Sánchez, así como a colocación da placa ao homenaxeado Adriano Campos.

O público poderá gozar tamén do documental colectivo Proxecto Cans 303, das rutas literarias, con Iria Misa e Carlos Meixide, e do tradicional roteiro musical de Xurxo Souto. Non faltarán as exposicións, os concertos, o concurso Pintar o Cine, nin as esperadas procesións de chimpibuses, que percorrerán a aldea e o Porriño cheas de música.

O festival culminará o sábado 24 coa gala de entrega dos premios Cans de Pedra no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.

Daniel Sánchez Arévalo

Entre os nomes que pasarán polo festival este ano atópase Daniel Sánchez Arévalo, recoñecido director de filmes como ‘AzulOscuroCasiNegro’, ‘Gordos’ ou ‘La gran familia española‘, que protagonizará o emblemático coloquio central no Torreiro o sábado ás 12 h. Sanchez Arévalo acaba de filmar a súa sexta película, ‘Rondallas’, que levanta gran expectación entre o público da comarca ao estar moi relacionada coa zona da Louriña e con varias formacións musicais do Porriño.

O director, recoñecido tamén por asumir riscos na dirección de actores e sacar o mellor de intérpretes como Antonio de la Torre, Quim Gutiérrez ou Raúl Arévalo, estará na sección Extracans, que se recupera nesta edición do festival, e onde presentará ‘Pipiolos’, curtametraxe que ven de triunfar no Festival de Cine de Málaga. 

Antimilitarismo e memoria histórica

Un dos momentos máis agardados será a estrea de ‘Crónicas dun non’, documental de Fernando Rodríguez que se proxectará o venres 23 coa presenza do director. A película mergúllase no movemento dos insubmisos dos anos 90, aqueles mozos que se negaron a facer o servizo militar por causas de conciencia protagonizando unha das maiores accións de desobediencia civil en España e Europa, determinantes na eliminación do servizo militar obrigatorio. O documental chega a Cans coincidindo co vixésimo aniversario da supresión do servizo militar obrigatorio, e faino nun momento especialmente simbólico, co debate sobre o gasto militar de novo no centro da axenda política e social.

A programación, con forte compoñente de reflexión crítica e social, reserva momentos emotivos para a memoria histórica, coa homenaxe a Alfredo Bautista Alconero (1912-2000), que foi o prisioneiro debuxante e caricaturista dos presos de San Simón, protagonista do documental “Aillados”, e do que este ano se cumpren 25 anos da súa morte.  Tamén haberá unha emotiva homenaxe á Señora Alicia, veciña emblemática de Cans, falecida o pasado mes de xaneiro.

Proxectaranse 120 obras e case 40 estreas

O festival contará con preto de 40 estreas, entre as que se atopan títulos como Antes de Nós, de Ángeles Huerta, que contará coa presenza dos actores Nancho Novo, Xoan Fórneas e Cris Iglesias, así como arredor de 25 curtametraxes que se verán por vez primeira en Galicia dentro das competicións oficiais: Furacáns, Ficción e Animación e Novas Camadas. Moitas destas obras están marcadas por temáticas como o despoboamento, a memoria ou a identidade rural, abordadas por unha nova xeración de cineastas galegos como Fon Cortizo, Diego R. Aballe, Alba Pino, Ariadna Cordal, Alejandro Jato ou Pablo Dopazo. 

O director do Festival, Alfonso Pato, reivindicou Cans como “un festival único pola implicación dos veciños, de escala humana, afastado da voráxine dos macrofestivais, e escaparate dunha xeración que se achega ao rural cunha nova mirada. Cans é unha xanela aberta á creatividade e á reflexión crítica“. 

Ademáis de retrospectivas ao cineasta boliviano Alejandro Loayza Grisi e ao Premio Pedigree Alfonso Zarauza, celebraranse encontros profesionais con intérpretes de primeiro nivel como Nerea Barros, Tamar Novas, Lucía Veiga ou María Vázquez, así como cineastas como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Ángel Santos, Xiana do Teixeiro ou Adrián Canoura, que participarán en Fillxs de Cans, amosando imaxes inéditas dos seus próximos proxectos.


Outras novas


Máis de 25 actuacións musicais 

A programación musical contará con máis de 25 actuacións, que van desde as músicas de raíz ata propostas urbanas e electrónicas, en diálogo cos contidos audiovisuais do festival con artistas como Mondra, que creou un espectáculo único para musicar o filme mudo Miss Ledya,  Biznaga, Santero y los muchachos, Caamaño&Ameixeiras ou o que se agarda sexa o emocionante regreso de Susana Seivane aos escenarios de Galicia, despois dun ano afastada por motivos de saúde.

Actuacións como a de Mondra e Susana Seivane xa colgaron o cartel de esgotado e o ritmo de venda de entradas supera xa o doutras edicións. Para a actuación da poeta Lúa Mosquetera quedan só as 10 últimas entradas. Tamén quedan poucas entradas dispoñibles para as sesións de Ficción e Furacáns. Cómpre lembrar que o prazo para mercar entradas online na web do festival remata o día 21 de maio. Se sobran, despois só se venderían fisicamente os días do certame.

Te podría interesar